Onte presentouse oficialmente o N900, un novo dispositivo móbil de Nokia, que será o primeiro desta empresa en empregar o sistema operativo Maemo 5.
O N900 conta cunha pantalla panorámica, teclado qwerty ocultábel debaixo da pantalla, un procesador ARM a 600 Mhz, rede sen fíos, BlueTooth, cámara de 5 Mpx, GPS,… pero a característica máis interesante deste dispositivo é, tal vez, o software que emprega.
Maemo 5 é un avanzado sistema operativo baseado no núcleo Linux, e deseñado para executarse en dispositivos móbiles Nokia de gama alta. É unha plataforma de código aberto, o que permitirá que a comunidade o poida modificar e mellorar. Maemo inclúe pezas de software ben coñecidas, probadas e utilizadas:
- Núcleo Linux
- Servidor Xorg
- Gstreamer
- Telepathy
- Tracker
- GTK+ (Qt tamén está dispoñíbel)
- Navegador web baseado no motor de Mozilla
Un sistema prometedor que, segundo as palabras de Quim Qil, responsábel de marketing e código aberto de Nokia, “se a liberdade é o que che preocupa, debes saber que non necesitas ‘desbloquear’ ou ‘liberar’ Maemo 5. Dende instalar un aplicativo, ata acceder como root, es ti quen decide. Confiamos en ti, e ao fin e ao cabo, o dispositivo é teu”
Fontes: nota de prensa, blog de Quim Qil, barrapunto.com, www.linuxfordevices.com, maemo.nokia.com
