Mancomún

Preséntase Aula AGASOL, onde atopar formación eLearning en software libre á vosa medida

Mércores, 15 Maio 2013
  • AGASOL presenta a súa Plataforma de Teleformación, cunha ampla oferta formativa da man das diferentes empresas especializadas en eLearning de AGASOL
  • Para AGASOL, "este é un exemplo da calidade e proxección que está a ter o software libre galego"
  • A través da súa marca, Libres para aprender, libres para crear, queren ofrecer unha teleformación e unha oferta de contidos de calidade

Logotipo de AgasolAGASOL vén de anunciar a posta en marcha da Aula AGASOL, unha plataforma de teleformación sobre tecnoloxías e plataformas libres avalada pola experiencia e bo facer das empresas especializadas nesta materia da asociación.

Dentro dun contexto no que as plataformas de Software Libre como Moodle e os estándares abertos estanse a converter na referencia, dende AGASOL apostan por poñer a súa andaina profesional ao servizo de todas as persoas e entidades interesadas en poñer en marcha a teleformación para os seus negocios, para o aproveitamento persoal, para a creación de contidos, etc.

Queren ofrecerlles a posibilidade de mellorar a súa relación coas ferramentas libres, dunha forma sinxela e atractiva. Cun obxectivo claro: aumentar a súa competitividade, permitirte aforrar recursos e aproveitar todas as potencialidades da informática no seu traballo ou o seu negocio.

Con Aula Agasol ofrecen unha Plataforma en Software Libre intuitiva e fácil de usar.

  • Formación específica para o uso de ferramentas e aplicacións de Software Libre.
  • Diferentes contidos formativos creados en Software Libre ou con estándares que fan posible a súa actualización.
  • Titorización e seguimento docente coas ferramentas do Software Libre.

E todo elo avalado por empresas e profesionais do sector do Software Libre, altamente cualificados e comprometidos con que este paso sexa o definitivo no teu proceso de formación continua.

AGASOL ofrece os seus cursos de xeito individual e tamén colectivo.

En AGASOL traballan ao servizo da formación, en todas as súas liñas, mantendo un enfoque tecnolóxico avanzado e convencidos de que "nada pode competir" co novo "paradigma" do Software Libre. Contan cunha extensa experiencia en implantación e posta en marcha de plataformas de teleformación con ferramentas de Software Libre. Tamén teñen unha longa experiencia na creación de contidos formativos e na impartición de cursos eLearning.

Cren na formación continúa como unha das ferramentas imprescindibles de desenvolvemento e crecemento empresarial, e por iso AGASOL traballa para ofrecer uns contidos de calidade adaptados ás necesidades do noso mercado laboral e aos certificados de profesionalidade.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal