A empresa Imaxin Software, co financiamento da Consellería de Innovación e Industria, desenvolveu durante os últimos meses o longamene demandado tradutor directo para o par de linguas inglés e galego.
O servizo aínda se encontra na fase de prototipo e non coñecemos todos os detalles pero segundo confirma a empresa, baséase nun novo desenvolvemento en volta do motor Opentrad.
Este proxecto contou coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Segundo dixo o director de márketing de Imaxin, Diego Vázquez, contar cunha ferramenta deste tipo é de vital importancia para o desenvolvemento do país, pois fai accesíbel a información escrita en inglés, que xa se converteu en lingua franca, e ao mesmo tempo pon os contidos en galego ao dispor do resto do mundo.
O responsábel do proxecto, José Ramom Pichel, explicou que, dado o afastamento que existe entre o galego e o inglés, é máis complicado conseguir programar un tradutor automático que ofreza resultados á altura dos tradutores galego-castelán, por exemplo. Porén, dixo que o prototipo, ao quedar liberado para a súa modificación e desenvolvemento pola comunidade, por ser de código aberto, irá mellorando constantemente.
Ademais, aínda que as traducións non son perfectas -algo que nunca conseguen os tradutores automáticos-, si permiten a intelixibilidade dos contidos para persoas que non falen a lingua da que proceden.
Na presentación informouse de que o tradutor se pode probar no enderezo de Imaxin dedicado a Opentrad (http://opentrad.imaxin.com/):
http://desarrollo.imaxin.com:7000/
A iniciativa enmárcase nas estratexias 3, 4, e 5 do PEGSI, especialmente na liña de actuación CeS-LA2, de contidos galegos para a internet.
