Mancomún

Preséntase un aplicativo libre para o sector da carpintaría metálica

Mércores, 11 Febreiro 2009

DXIO conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou  hoxeOrzametal”, unha nova ferramenta informática que vai contribuír a mellorar a xestión das empresas galegas que integran o sector da carpintaría metálica e de PVC.

“Orzametal” é un aplicativo, que se distribúe con licenza GPLv3 , e que simplifica e axiliza a xestión e elaboración dos orzamentos a clientes por parte do sector e que se integra doadamente como unha peza máis no conxunto de solucións informáticas das empresas, facilitando a xestión en relación cos clientes, recursos humanos, stocks, provedores e pedimentos.

Esta nova ferramenta vén dar solución a todas as demandas do sector grazas á súa versatilidade e adaptabilidade, características derivadas da súa propia natureza xa que o programa está baseado en tecnoloxías de código aberto (software libre). Deste xeito, as melloras que se vaian introducindo poderán ser recollidas e utilizadas segundo as necesidades de cada empresa, evolucionando cara á solución de necesidades máis complexas e que sempre estarán dispoñiíbeis para todos os interesados.

O programa, malia as múltiples vantaxes e servizos que permite, é de sinxela instalación e utilización, podendo funcionar simplemente cun ordenador que dispoña de navegador. Outra das características que definen “Orzametal” é que permite facer un seguimento doado dos estándares de calidade, facilita o seguimento do proceso de produción e integra o pedimento do cliente no resto da cadea. Este control do proceso fai que as empresas poidan cumprir coa normativa de “marcado CE” desde o momento actual, un ano antes de que sexa obrigatoria para as carpintarías metálicas.

Innovación e Industria destinou 100.000 euros ao desenvolvemento desta ferramenta que as empresas do sector poderán instalar descargándoa dende o portal de internet Galiciapms ou dende a páxina web Orzamental .

Ademais, a Consellería vai poñer en marcha cursos de formación aos que tanto as empresas TIC coma o persoal das carpintarías metálicas poderán inscribirse a través da citada web para poder sacarlle todo o rendemento posible ao aplicativo.

Fonte: Consellería de Innovación e Industria

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal