Mancomún

Presentouse Amarok 2.1

Venres, 5 Xuño 2009

AmarokDespois de cinco meses de duro traballo, o equipo de desenvolvemento de Amarok presentou a versión 2.1 deste magnífico reprodutor de audio.

A versión 2.0 de Amarok trouxera moitísimas novidades, como o redeseñado da interface, a migración de KDE3 a KDE4, a utilización de novas tecnoloxías de base (Phonon, ou Plasma, por exemplo). Pero polo camiño, entre tantos cambios, perdéranse algunhas características que os usuarios das versións antigas de Amarok facían de menos. Con esta nova liberación non só se intenta encher ese oco, senón que ademais estanse a introducir características novas que mellorarán a experiencia dos usuarios.

Entre o máis destacado desta versión atopamos:

  • Melloras nas listas de reprodución: Pódese buscar e filtrar dentro do seu contido, pódeselle dicir a Amarok que deteña a reprodución pasada certa canción… Sen embargo, o maior cambio atópase no deseño do editor de listas de reprodución, que permite facer que as listas teñan o aspecto que máis nos conveña.
  • Marcadores: Existen dous tipos de marcadores, os automáticos e os manuais. Cando estea a escoitar un podcast, audiolibro, ou calquera pista de audio de máis de 10 minutos, Amarok marcará automaticamente a última posición escoitada, e continuará dende aí cando se volva a esa pista de audio. Isto pódese facer tamén de xeito manual.
  • Last.fm: O servizo de Last.fm levou unha actualización na interface.Agora permite reproducir a radio de calquera etiqueta, artista ou usuario.
  • E moito máis.

Nesta ligazón podemos ver unha serie de vídeos que nos amosarán as distintas características desta nova versión do reprodutor.

Amarok é unha aplicación libre de reprodución de audio para sistemas compatíbeis Unix, como Linux ou FreeBSD. Agora, ao ser KDE4 multiplataforma, Amarok pode executarse noutros sistemas, como Windows ou Mac OS X.

Fonte: Páxina do reproductor Amarok

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal