Mancomún

Primeiro concurso IRC sobre software libre

Xoves, 25 Xuño 2009

O grupo GSyC/LibreSoft da Universidad Rey Juan Carlos, coa colaboración de Igalia e o patrocinio do Máster en Software Libre organiza o primeiro concurso de coñecementos sobre software libre. A iniciativa xorde co propósito de promocionar a inscrición na vindeira edición do Máster en Software Libre, presentado onte oficialmente en Madrid.

O concurso, coa intención de poñer a proba os coñecementos dos concursantes en materia de software libre, consistirá en partidas entre dous xogadores nunha canle de IRC. Os xogadores deberán responder a preguntas, principalmente en lingua española, relacionadas coa cultura do software libre e a cultura hacker, levándose un punto aquel que responda en primeiro lugar de xeito correcto. Cada inscrito xogará un mínimo de tres partidos durante a primeira fase.

O gañador recibirá un Netbook Dell con GNU/Linux preinstalado e un tícket de agasallo para Amazon de 100 euros. Ademais, haberá premios para o segundo e o terceiro clasificados, que serán premiados cun reprodutor Mp3 Open Hardware (Bug Sound de Bug Labs) ou un teléfono móbil Openmoko Neo Freerunner (a elixir) e un bono regalo Amazon de 100 euros, respectivamente.
Asemade, os oito primeiros concursantes poderán acollerse a un desconto do 50% (non acumulábel) no Máster de Software Libre da Universidad Rey Juan Carlos. Este desconto podería prorrogarse ata setembro e está suxeito ao cumprimento dos prazos de inscrición, á existencia de prazas dispoñíbeis e ao cumprimento dos requisitos xerais para poder cursar o máster. Para todos aqueles que pasen a primeira fase, crearase ademais un diploma acreditativo, indicando a súa posición final no concurso.

A inscrición pecharase o día 1 de xullo e será libre e gratuíta. As bases do concurso, así como as respostas ás preguntas máis frecuentes pódense atopar no documento de bases do concurso e preguntas frecuentes.

Fonte: GSyC/LibreSoft

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal