Mancomún

Primeiro festival de tradución de software libre ao galego: Trasnada '10

Luns, 11 Outubro 2010

A asociación Trasno vai celebrar este sábado día 16 de outubro na casa da cultura de Ordes, o primeiro festival de tradución de software libre ao galego: Trasnada ’10.

Asociación proxecto TrasnoEste festival pretende reunir a todos os tradutores de software libre ao galego para darlle un empurrón aos distintos proxectos de localización que xestionan, mellorar a súa coordinación así como tomar decisións para o futuro. Mais tamén contarán cun espazo reservado para a formación de novos tradutores, polo que serán ben recibidos tanto aqueles que xa traducides software libre como todos aqueles que esteades interesados en aprender a facelo.

Sen dúbida esta será unha boa oportunidade para achegarse a esta gratificante actividade, a tradución de software libre ao galego, e unirse á comunidade de voluntarios de tradución de software libre ao galego que día a día poñen o seu esforzo e traballo por contribuír a incrementar a presenza do galego nas TIC, e grazas aos que a día de hoxe é posible dispoñer en galego de aplicativos como Firefox, Thunderbird, OpenOffice.org, os escritorios GNOME e KDE ou distribucións como por exemplo Ubuntu entre outros moitos. Todos os interesados en aprender a traducir software só precisaredes levar os vosos computadores.
A xornada comezará ás 11:00 na Casa da Cultura do Concello de Ordes e rematará ás 20:00. Farase unha pausa para o xantar a iso das 14:00 e ata as 16:30.

Aínda que se trata dunha xornada aberta ao público e gratuíta, para mellorar a coordinación do evento, é preciso confirmar a asistencia na dirección de correo electrónico info [en] trasno.net.

Este festival conta coa inestimable colaboración da AC Inestable, grupo de usuarios de Linux da comarca e que se ocupará da loxística do evento, e o Ex. Concello de Ordes. Patrocinan o evento Mabishu, Openhost e a Xunta de Galicia.

Esta actividade forma parte do plan de actividades que a asociación Trasno desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración firmado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Máis información sobre o programa do festival na páxina do evento.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal