Este sábado 5 de maio de 16:00 a 20:30 horas celébranse na Facultade de Informática da Coruña (Aula de Graos, andar 2 / Salón de Actos, andar 0) as V Xornadas Multimedia das que xa vos falamos cando abriron o prazo de remisión de propostas.
Durante a tarde do sábado todas aquelas persoas con interese no campo da multimedia en software libre terán unha excelente oportunida de achegarse a este interesante campo ao redor de charlas, obradoiros e concursos con contidos de corte multimedia.
O programa destas xornadas é o seguinte:
- 16:00 Apertura das xornadas.
- 16:10 Fomentando a infidelidade interfactual. Alejo Pacín Jul (GPUL) O amplo mundo das contornas de escritorio.
- 17:00 Realidade aumentada e software libre. Juan Carlos López (Electrotelecon Ingenieros) Deseño dunha aplicación de realidade aumentada para dispositivos móbiles empregando software libre.
- 18:00 Pánico no núcleo: directo. Pánico no Núcleo é un programa de entretemento en formato radio sobre o mundo de Linux e o Software Libre. Cada semana tratan en directo as novidades más relevantes dende unha perspectiva próxima á sátira, falan dalgún tema que resulte interesante e ao terminar empaquetan todo en formato podcast e oggcast.
Nestas V Xornadas Multimedia realizarán o seu programa en directo coa participación do público asistente. - 19:30 Aplicacións reproducindo vídeo con GStreamer. Xabier Rodríguez Calvar (Igalia). Obradoiro sobre cómo crear unha aplicación que reproduza vídeo con GStreamer.
- 20:30 Peche das xornadas.
As xornadas son de carácter gratuíto e só é preciso inscribirse nas mesmas aos efectos de facilitar o control do aforo.
Dende a directiva de GPUL agardan a vosa asistencia así como que desfrutedes co interesante e completo programa Así mesmo agradecen toda a difusión posible das xornadas para chegar ao maior número de público posible.
Estas xornadas contan coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña, da Universidade da Coruña, de Igalia e da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración coas AGUSL para o fomento, difusión e formación en software libre.
