Mancomún

Programa para a investigación en robótica de código aberto

Mércores, 3 Febreiro 2010
Willow Garage, laboratorio de investigación de robótica e incubadora de tecnoloxía adicada ao desenvolvemento de hardware e software de código aberto para aplicacións de robótica persoal, lanza un programa de investigación en código aberto relacionado co seu Robot Persoal PR2.

Este programa consiste na cesión gratuíta de ata aproximadamente dez robots PR2, a outras tantas organizacións de investigación, co obxectivo de acelerar a investigación e desenvolvemento en código aberto no campo da robótica e contribuír ao fortalecemento dunha comunidade de robótica libre.

Fotografías do PR2

O PR2 é un sistema integrado, aberto, robusto e extensible, que inclúe brazos, mobilidade, sensores e computación, eliminando a difícil e custoso proceso de ter que construír un robot de cero. As especificacións técnicas poden consultarse na web da compañía. Agardan que a súa plataforma PR2 sexa quen de atraer a atención dos investigadores neste eido e acelere así a compartición do código que facilitará sen dúbida o desenvolvemento de novos sistemas, ferramentas e aplicacións robóticas.
Poden participar neste programa profesores de universidade, investigadores, persoal científico, enxeñeiros, estudantes … de institucións académicas e organizacións con ou sen ánimo de lucro de todo o mundo. Os equipos deben:

  • Estar involucrados en investigación científica que melloren o campo da robótica persoal e/ou actividades que exploren aplicacións de alto impacto na robótica persoal.
  • Ter experiencia relevante no desenvolvemento de software para robótica.
  • Ter suficientes recursos para impulsar e e acoller a plataforma PR2.
  • Ser capar de liberar o código baixo unha licenza de código aberto.

Terán preferencia as organizacións que teñan historial previo de participación en comunidades de código aberto, que non reciban financiamento militar nin teñan aplicacións de uso militar, e aquelas que estendan o alcance da plataforma e proporcionen á mesma un maior acceso a un maior número de investigadores e desenvolvedores, ben empregando o PR2 en múltiples proxectos ou ben cooperando con outras institucións para o desenvolvemento do proxecto.

Os PR2 cederanse sen ningún tipo de custe ás institucións seleccionadas para participar neste programa, por un ano prorrogable outro máis. Os participantes deberán reunirse por teleconferencia cada dous meses para compartir os éxitos, problemas atopados … Así mesmo celebrarse unha reunión inicial para ter a oportunidade de coñecerse, aprender o funcionamento do hardware e software e compartir os obxectivos dos seus proxectos.

Os participantes recibirán unha plataforma PR2 completa con mantemento e asistencia técnica, así como financiamento para as viaxes relacionadas co programa, de acordo aos termos do Acordo Beta. En contrapartida comprométense a:

  • Establecer unha web pública para a descarga de todo o código desenvolvido.
  • Escoller unha licenza aprobada pola OSI para todo o código.
  • Desenvolver e publicar no prazo de dous meses dende a recepción do PR2 algún código que interactúe co robot, para garantir que o equipo aprendeu o funcionamento do mesmo.
  • Publicar regularmente bibliotecas de código segundo o planificado na proposta.
  • Enviar os logs de diagnóstico do hardware.
  • Participar nas conferencias cada dous meses para compartir información sobre o código liberado, do empregado doutros sitios e/ou mellorado.

A data límite para a recepción de proposta é o 1 de marzo. Para obter máis información sobre como enviar a proposta debe consultarse o documento dispoñible na web de Willow Garage,

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal