Mancomún

Proxecto de implantación de SwL para a PEME

Mércores, 30 Abril 2008

O instituto tecnolóxico metalmecánico, AIMME achega unha invitación ás PEME para participar nunha proposta de proxecto na área TIC, que no caso de ser aprobado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio estaría subvencionado ata o 50%.

O obxectivo deste proxecto, denominado “FREESOFT- Implantación de soluciones de software libre en las pymes y micropymes”, é achegar o uso do Software Libre ás empresas participantes para cubrir as súas necesidades, mellorar o seu nivel tecnolóxico e reducir gastos informáticos.

A PEME normalmente non dispón de amplos orzamentos para realizar inversións en licenzas de software polo que o habitual é que dispoñan só das aplicación máis imprescindibles para o seu funcionamento diario e en ocasións aínda sen axustarse completamente ás súas necesidades. O SwL actualmente é unha alternativa viable para empregar software de calidade e facilmente adaptable ás necesidades particulares cun menor custe de inversión.

Algunhas das liñas estratéxicas que se van desenvolver na execución do proxecto son a xestión documental (ECM), suite de colaboración empresarial (groupware), ERP, CRM, Xestores de contidos, Xestión de proxectos, Voz IP, sistemas de Videoconferencia, sistemas de E-marketing …

As fases de implantación que cubriría o proxecto serían:

  • instalación en equipo piloto
  • personalización
  • formación
  • e seguimento do software instalado

Para acadar o obxectivo defínese unha inversión de 4000 € dos cales 2000 € serían subvencionados directamente, co que só se facturarían á empresa participante a parte non subvencionada.

Se algunha PEME está interesada en participar neste proxecto só debe cubrir, sen compromiso, un formulario de interese que teñen dispoñible na súa web antes do 6 de Maio de 2008.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal