
Hoxe facémonos eco dunha importación de datos liberados polo goberno de México en OpenStreetMap. Esta é unha das formas habituais das que se nutre de información a esta plataforma de datos xeográficos libres.
Neste caso, trátase da importación das divisións administrativas dos municipios de México, información que foi liberada no ano 2014 polo INEGI, o Instituto Nacional de Estadística y Geografía de México. Esta importación foi moi importante de cara a completar a información en OpenStreetMap, xa que a municipalidade é o segundo nivel de división administrativa de México, só por debaixo dos estados, e en total hai 2456 municipios.
A importación foi levada a cabo pola comunidade de OpenStreetMap en México, contando co asesoramento e axuda de actores importantes da comunidade internacional de OSM, como parte do equipo de OSM Puerto Rico, que tamén levou a cabo fai algún tempo unha importación similar, ou o galego Rafael Avila, experto en importacións en varios países de África e membro de HOTOSM.
Antes de levar a cabo a importación, existían tan só 69 divisións administrativas municipais na base de datos de OSM en México. Grazas a este proxecto agora podemos atopar as 2.457. Nesta ligazón pódese atopar máis información sobre como foi a importación dende o punto de vista técnico con todo detalle.
Despois de esta exitosa información xa hai plans para facer algo similar coa información da Rede Nacional de estradas, así como crear unha ferramenta que permita ao INEGI ter feedback sobre os cambios feitos en OSM de xeito que poida avaliar a corrección de erros e mellora de información por parte da cidadanía.
