Mancomún

Proxecto europeo para a creación dun sistema libre de tradución automática de confianza

Martes, 26 Xaneiro 2010

A tecnoloxía desenvolvida neste proxecto publicarase como bibliotecas con licenza GNU LGPL

Os organismos da UE gastan aproximadamente mil millóns de euros ao ano na tradución de documentos entre as 23 linguas oficiais da UE. Esta suma podería verse considerablemente reducida de existir un sistema de tradución automática realmente efectivo e cuns resultados de calidade.

Este é un dos principais motivos do financiamento do Proxecto MOLTO (Multi-lingual Online Translation) a través do VII Programa Marco, cunha subvención de 2,3 millóns de euros ao longo de 3 anos. O obxectivo principal é desenvolver unha ferramenta de tradución automática de confianza entre a maioría das linguas oficias da UE.

Os membros do consorcio do Proxecto MOLTO, liderados pola universidade de Goteburgo en Suecia, afirman que os idiomas se incluirán na ferramenta como módulos independentes, e que se crearán prototipos para a maioría das linguas oficiais da UE. Este proxecto, en contraste con outros servizos de tradución en liña, como por exemplo o de Google, ten como obxectivo proporcionar unha tradución o máis precisa posible en lugar de primar a exhaustividade. Os destinatarios do proxecto son principalmente institucións e empresas que precisan documentos e sitios web correctamente traducidos. En palabras do profesor Ranta, coordinador do proxecto, “desexabamos traballar cunha técnica de tradución tan precisa que as persoas que producen os textos poidan empregar as traducións directamente. Unha vez conseguida a precisión, comezamos a buscar unha maior cobertura, engadindo máis idiomas á ferramenta e á base de datos”.
O consorcio, quere desenvolver un sistema capaz de adaptarse a diferentes ámbitos de aplicación. A tradución da descrición de patentes será unha destas áreas, xa que os europeos e persoas de outros países deben ser capaces de empregar esta innovadora tecnoloxía sen dominar a lingua na que está escrita a patente, dixeron os investigadores. Outras áreas serán a tradución do material para o ensino das matemáticas e a tradución dos descritores do patrimonio cultural e obxectos de museo.

Os desenvolvedores fan uso de ontoloxías e gramáticas específicas do dominio, implementadas co Framework Gramatical de código aberto. A mediados deste ano estará dispoñible unha primeira versión piloto do sistema. Pódese obter información máis en detalle lendo as preguntas máis frecuentes na web do proxecto.

"A finalidade da subvención da UE é para poder empregar a tecnoloxía MOLTO para crear un sistema que poida ser empregado para a tradución en Internet", subliñou o profesor Ranta. ”O plan é que os produtores de páxinas Web sexan quen de descargar gratuitamente a ferramenta e traducir textos en varios idiomas simultaneamente. Aínda que a tecnoloxía xa existe, é moi complexa de empregar, polo que en poucas palabras, a UE danos diñeiro para modificar o instrumento e facelo fácil de usar por un gran número de usuarios”.

O proxecto realizarase dende marzo de 2010 ata febreiro de 2013.

A tecnoloxía de MOLTO publicarase como bibliotecas baixo a licenza GNU LGPL de xeito que poderán empregarse noutras ferramentas de tradución libremente o que repercutirá en beneficio de toda a comunidade.

Fonte: CORDIS

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal