Especialistas en formación TIC e institucións de ensino de grao superior de diversos países europeos participan no proxecto Cissos, un proxecto europeo ERASMUS+ coordinado dende o CFTIC (Centro de Formación en TIC) da Comunidade de Madrid co obxectivo de crear un curso de formación para estudantes de forma que ao finalizalo sexan quen de realizar unha consultoría de selección e implantación de servizos na nube con licenza libre para as pemes.
O director do CFTIC, Javier Rodríguez Pascua, presentouno na conferencia OpenExpo 2016 en Madrid, da que se fixo eco o portal JoinUP. A principal motivación que os moveu para propoñer este proxecto é cubrir unha necesidade das pemes. “As pemes non teñen os recursos necesarios para investir en modernización, así que crearemos un curso de 200 horaa e prepararemos consultores e integradores de servizos TIC centrándonos en solucións libres para pemes”
Unha vez desenvolvido o material do curso, será probado en España e Gran Bretaña, a través dun intecambio de estudantes que farán as prácticas do aprendido en empresas do outro país respectivamente.
O proxecto Cissos (Cloud and Internet Services with Open Source Software for SMEs) é promovido polo Centro de Formación TIC da Comunidade de Madrid xunto con outros centros formativos, universidades e empresas tecnolóxicas europeas. Os socios participantes no proxecto son Hogskolen I Ostfold, Noruega; Hogskolan I skovde, Suecia; Srh Hochschule Berlin GMBH University of Applied Sciences, Alemania; Essi Projects Limited, Reino Unido; Sheffield City Council, Reino Unido e o Centro de Formación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións CFTIC da Comunidade de Madrid.
As funcións que desempeñan os distintos socios serán complementarias. Con este proxecto pretenden acadarse dous obxectivos conxuntamente, mellorar a empregabilidade dos xoves e promover o uso de software libre nas empresas.
Unha primeira fase do proxecto consiste no desenvolvemento dos materiais formativos do curso. Estes materiais deberán permitir que os estudantes que sigan con éxito o curso saiban ao finalizalo como avaliar as necesidades TIC dunna peme, como seleccionar as mellores ferramentas e servizos cloud con licenza libre que cubran ditas necesidaes, e ser capaz de implementar e configurar ditas solucións. Exemplos dos servizos sería crear webs empresariais, reducir os custes da xestión da empresa e mellorar as relacións cos clientes. Esta fase está prevista que remate en Agosto deste ano.
Nunha segunda fase, unha vez desenvolvidos os materiais, un total de 30 alumnos, 15 de España e 15 de Reino Unido serán formados e os 5 mellores de cada país farán un intercambio aplicando os coñecementos adquiridos en empresas do outro país en prácticas de 2 meses.
Desta experiencia aplicada a situacións reais revertiranse posibles cambios e melloras nos materiais. Os materiais formativos serán desenvolvidos coa ferramenta exe-learning e serán publicados unha vez finalizados en plataformas abertas e con licenza Creative Commons.
O proxecto ten unha duración de dous anos e un financiamento de 200,000€ do programa europeo Erasmus+. Comezou en Setembro e rematará en Agosto de 2017.
