Mancomún

Proxecto LULA

Venres, 22 Maio 2009

O proxecto LULA (Linux para Universidades Latinoamericanas) ten como obxectivo crear unha distribución Linux que compile os aplicativos informáticos educativos en software libre empregados no ámbito das universidades latinoamericanas.

O proxecto é unha iniciativa coordinada pola Cátedra Telefónica da Universidad de Extremadura, na que colaboran distintas universidades de México, Arxentina, Brasil, Chile e Portugal.

Para crear a distribución Linux, o profesorado destas universidades indicará os aplicativos educativos desenvolvidos en software libre que usan para a súa docencia teórica e para as prácticas. A Cátedra Telefónica da Universidade de Estremadura compilará estes paquetes de software e estudará a súa compatibilidade e idoneidade para ser incluídas na distribución.

A distribución LULA poderá ser utilizada de forma gratuíta polas universidades participantes e por todas as que desexen unirse ao proxecto.
Nesta páxina pódense ver os programas que van sendo incluídos nesta distribución, e tamén se informa dun enderezo de correo (lula@unex.es), ao que se pode enviar propostas de inclusión de novos programas.

Os obxectivos desta iniciativa inclúen favorecer a integración do software educativo de diferentes países, e fomentar o intercambio de material educativo entre universidades. Ademais, servirá para darlles a coñecer aos profesores das distintas universidades os aplicativos de software que utilizan os seus colegas na súa docencia.

O proxecto atópase na súa primeira fase: a de compilación de aplicativos que se integrarán finalmente no proxecto.

Fonte: Barrapunto

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal