Mancomún

Proxectos de ASOLIF para o 2010

Martes, 24 Novembro 2009

O pasado 13 e 14 de Novembro celebrouse na sede de Madrid on Rails , en Vicálvaro, o II Encontro ASOLIF de Empresas de Software Libre do que xa nos fixemos eco neste portal da man das primeiras impresións de Roberto Brenlla, presidente de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre), trala súa participación no mesmo.

Foto do encontro de ASOLIFA este encontro asistiron algo máis de 50 empresas de ASOLIF de diversos puntos de España, ademais de representantes de Administracións Públicas, Universidades, comunidades de desenvolvemento de software libre, empresas tecnolóxicas multinacionais e outras entidades que colaboran coa Federación empresarial.

ASOLIF vén de facer públicas as conclusións obtidas logo de máis de día e medio de traballo, que ben se poderían resumir nas palabras coas que Daniel Armendáriz, presidente de ASOLIF, clausurou o encontro: “O importante é que saia negocio entre as empresas e entidades que participaron neste evento, e non só colaboración”.
Para Armendáriz, o sector do Software Libre atópase nun momento idóneo “con oportunidades de negocio reais, xa que cada vez achéganse máis Administracións Públicas e empresas a pedir proxectos de Software Libre como oportunidade pola situación de crise actual”. O presidente de ASOLIF, concluíu destacando a importancia de permanecer “unidos como sector porque xa podemos competir en igualdade de condicións, traballar nesa liña sen perder a perspectiva e conseguir articular mellor as diferentes asociacións rexionais”.

Asentamento da estratexia de ASOLIF para o 2010

Este II Encontro serviu para dar un paso adiante importante na consolidación da estrutura ao redor da cal se está xestando o movemento empresarial de PEMES de software libre en España, ademais de constatar o enorme potencial das empresas participantes.

Durante a xornada presentáronse varios proxectos levados a cabo polas diferentes asociacións, nos que posteriormente se traballou xunto ás empresas interesadas en colaborar cos mesmos, nos que tamén houbo achegas de empresas galegas:

  • HardProcessing. Presentado pola empresa galega Inforede, asociada a AGASOL, ten como obxectivo principal a creación dun contorno de desenvolvemento baseado en comunidade para o desenvolvemento de aplicacións comerciais baseadas en Open Hardware.
  • Factura Libre Dixital. Liderado pola propia Federación ASOLIF coa empresa Zylk.net á cabeza, pertencente a ESLE (Asociación de Empresas de Software Libre de Euskadi), que ten como obxectivo xerar valor desde unha plataforma modular libre con estándares abertos, altamente adaptable a diferentes contornas, dando así resposta ás demandas establecidas pola Lei de Contratación Electrónica.
  • Unified Communications. Presentado por CESLA (Cluster de Empresas de Software Libre de Aragón), cuxo reto é desenvolver unha plataforma para a integración das comunicacións unificadas con servizos complexos, tras un proceso previo de investigación.
  • PloneGov España. Presentado por Codesyntax , empresa pertencente a ESLE , é un portal de proxectos europeos e solucións reutilizábeis para a Administración Pública, pero que en España conta cunha escasa colaboración, de aí o seu interese por xerar comunidade e porque pode converterse nunha tecnoloxía interesante a partir da cal entrar no mercado das administracións locais.
  • ModularIT. Presentado por Canarytek, pertencente á asociación ESLIC (Asociación de Empresas de Software Libre de Canarias), ten como obxectivo ofrecer servizos modulares TIC baseados na virtualización como resposta á necesidade de simplificar o despregamento e a xestión de infraestruturas de clientes. Isto minimiza a necesidade de accións presenciais e fomenta ao máximo a colaboración entre empresas.
  • ITPyme. Presentado por eBox Technologies, pertencente á asociación CESLA, cuxo obxectivo é converterse nun proxecto de Software Libre que permita ofertar ás Pemes unha realidade de produtos xestionados integrando solucións existentes como valor engadido. Para iso, eBox busca colaboradores que traballen na mesma liña.
  • Markeplace Social/InnocON. Presentado pola Universidade de La Laguna, a empresa Fotón, de ESLIC, así como por Tekon Intelligent, empresa pertencente a ESLE, son dous proxectos relacionados con redes sociais con orientacións distintas pero con formulacións comúns que fan que se traballe na súa compatibilidade técnica así como en outros aspectos
    • Markeplace Social exponse como un marketplace, onde as empresas expoñan os seus produtos, cun rango de rede social, cuxo obxectivo é xuntar oferta e demanda nunha ferramenta baseada nunha tecnoloxía de rede social que xa se atopa en explotación con éxito en diversos proxectos do sector turístico.
    • InnocON pretende utilizar unha tecnoloxía similar para facilitar a detección de competencias, a identificación de parceiros, a simulación de encontro, actuando como facilitador de negocio.
  • Wiki Tecnolóxica. Presentado por CESLA, ten como obxectivo buscar colaboracións para potenciar a innovación na contorna das tecnoloxías libres a través da xeración e difusión de contidos de calidade con esta plataforma (The Wiki For Open Tech) como soporte de difusión.

Fonte: ASOLIF

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal