Mancomún

Publicada a primeira actualización de Galinux

Venres, 27 Febreiro 2009
Galinux
Respondendo á impresionante demanda de Galinux anunciamos a publicación dunha actualización que, como melloras máis destacadas, inclúe a detección de máis dispositivos de hardware e as últimas versións dos aplicativos máis populares como Firefox ou OpenOffice. A nova versión pode descargarse directamente desde os nosos servidores.
 
A demanda de Galinux está a resultar realmente impactante: no seu primeiro trimestre de vida, máis de 15.000 CD foron distribuídos a través dos puntos de distribución  e rexistráronse máis de 25.000 descargas desde a web. Grazas a Galinux, miles de persoas achéganse cada día ao movemento do software libre.

Trátase da primeira actualización das tres previstas durante o ciclo de vida da actual versión de Galinux, o que permitirá manter o noso sistema operativo actualizado até abril do 2011. Hai dous modos para gozar das vantaxes desta nova versión de Galinux: descargar o CD ou ben instalar os paquetes nunha Ubuntu 8.10 previamente instalada, seguindo as instrucións publicadas no noso wiki.

En todo caso é importante salientar que, para todas aquelas persoas que se achegan por primeira vez a un sistema GNU/Linux, é preferíbel e recomendábel que continúen a empregar a versión presentada a finais do ano pasado e da que poden obter unha copia a través dos puntos de distribución. O principal motivo é porque se basea en Ubuntu 8.04 LTS, o que quere dicir que é unha versión que recibirá actualizacións de seguridade durante un período moito maior que as versións normais, en concreto durante 3 anos,  polo que se recomenda o seu uso en contornos de produción.
 
Galinux, o primeiro sistema operativo galego
 
Galinux é un completo sistema operativo en galego promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información que, ademais de todas as funcionalidades típicas dun sistema operativo, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), un corrector ortográfico en galego, programa cliente de correo electrónico, un aplicativo de retoque fotográfico de alta calidade, outro de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal