Mancomún

Publicada a primeira beta de GALPon MiniNo 2.0

Luns, 10 Setembro 2012

Logotipo de MiniNo 2.0Dende GALPon infórmannos que veñen de publicar a primeira beta da nova versión 2.0 de GALPon MiniNo. Segundo detallan na nota da publicación, esta nova versión vén cargada de numerosas novidades, entre as que podemos destacar os recursos mínimos para o seu funcionamento, o emprego de Debian Wheezy como base ou cambio do escritorio a LXDE.

Novidades da GALPon MiniNo v2 Ártabros

  • A primeira e máis notable é o emprego de Debian Wheezy como base e a adopción do escritorio de LXDE. A pesar de que o anterior escritorio IceWM era máis lixeiro pero quedábase atrás nalgunhas necesidades actuais, polo que o equipo de desenvolvemento optou por «optimizar» LXDE en lugar de seguir engadindo módulos a IceWM.
  • Dispoñible con 2 núcleos
    • linux-image-3.2.0-3-686-pae para ordenadores máis modernos (aprox. menos de 12 anos)
    • linux-image-3.2.0-3-486 para ordenadores antigos (aprox. máis de 12 anos)

Nota: O menú inicial de GRUB dispón de máis de 20 modos para acceder a distintas opcións de vivo/instalación. Para facelo manexable está estruturado en menús e submenús.

  • Conta con dous instaladores:
    • Instalador sinxelo, con dúas opcións:
      • Normal: Só pide datos moi sinxelos de entender por calquera novato
      • Non preguntes, faino! (No questions, simply GO!): só preguntaranos que idioma queremos utilizar como predeterminado e pediranos que confirmemos a instalación tras avisarnos de que vai a formatar toda a unidade, así de sinxelo.
    • Instalador avanzado: Lembraranos ao instalador experto de Debian, para quen necesite un control total da instalación.

  • Incluído o catalán como idioma inicial, grazas a José Angel Galegos que fixo as traducións. Desta forma son 4 os idiomas utilizables na Vivo e na instalación inicial .
  • Incorpora xestión de Bluetooth e a compatibilidade de modems 3G (só probado con Yoigo) .
  • Configuración de «Tor» para usala co navegador Midori e poder facer navegación anónima na Rede, simplemente premendo nunha entrada de menú.
  • Opción para «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio. Isto permitiranos «xogar» coa tranquilidade de que poderemos volver aos «axustes de fábrica».
  • Opción de escritorio «Estilo Gnome» para quen bote en falta esa forma de traballar. Para acceder a ela, só hai que seguir unha entrada de menú e non precisa instalar nada.
  • Configuración automática de impresoras segundo sexan conectadas, sempre que o controlador (driver) estea instalado. Ten incluídos moitos controladores de impresoras, os básicos de cups, a colección de foomatic, os de gutenprint e os propios de HP. É imposible incluír todos os controladores, mais hai unha boa colección deles sen ter que empregar a conexión a Internet.
  • Incorpórase un «Pseudo Exposé» e sombras nas xanelas. Mais estas opcións, a fin de manter os equipos en mínimo consumo de recursos, están desactivadas no inicio e deberán ser activadas, a criterio do usuario e en función dos recursos da súa máquina, na configuración de sesión de escritorio.
  • Polo que respecta aos navegadores, ao final optamos por incluír dous: Midori e Iceweasel. Iceweasel é un pouco máis pesado, sobre todo cando tira de xulrunner, mais é máis maduro que Midori en moitos aspectos e para os que necesitan de engadidos é un bo navegador.
  • Integración de «cronopete» algo que agradecerá a xente que quere usar a Minino con fins profesionais pero tenlle respecto por si lle falla o disco HD (non esquezamos que estamos falando de máquinas que xa teñen os seus centos de miles de gravacións nas costas e que os discos quéixanse).
  • Por último, comentar que pcmanfm, o administrador de ficheiros, ten capacidades para navegar por redes samba, ftp e sftp. O paquete samba habería que instalalo, pois quedan poucos megas libres no CD para incluír todo o que desexado e samba ocupa bastante. De tódolos xeitos, non esquezamos que poderemos instalar todo o preciso desde os repos de Debian.

GALPon MiniNo mantén como principal obxectivo ser unha distribución orientada ao seu emprego en máquinas antigas con escasos recursos. Os requisitos mínimos de hardware que deberá ter unha máquina dependerán en gran medida das expectativas de uso que teñamos sobre ela. Así temos dúas opcións:

Requisitos mínimos para uso cotián, incluída navegación web:

  • Procesador de 1.0 GHz
  • 256 MB de RAM
  • Disco ríxido de 3,6 GB
A limitación de procesador e RAM vén determinada fundamentalmente polos actuais requisitos das páxinas web, xa que por baixo deses parámetros é moi difícil que un vídeo en flash de Youtube ou Vimeo se poida ver de xeito fluído. Aínda que non se descarta que se poida traballar con procesadores de 800 MHz e/ou con memorias RAM de 192 MB.

Para máquinas con equipamento inferior debe seguir usándose a versión 1.2, que en breves días disporá dunha revisión denominada 1.2.1

Requisitos mínimos para uso de escritorio, cunha mínima experiencia web:

  • Procesador de 500Mhz
  • 128Mb RAM
  • Disco ríxido de 2,5 GB
Con esta configuración o escritorio e a administración de ficheiros son fluídos abondo, mais neste caso hai que coñecer os límites do noso computador, é dicir, poderase escribir documentos, escoitar música, ver vídeos, incluso navegar por blogs, a wikipedia ou periódicos dixitais… mais non será posible facer uso de flash ou javascript sen perder os nervios. Neste tipo de máquinas é moi recomendable, incluso, desactivar javascript nas preferencias ou entrar nos servizos de correo web na súa versión html.

Todos os interesados en probar esta primeira beta de GALPon MiniNo v2 Ártabros xa poden descargala dende a web do proxecto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal