Mancomún

Publicada a versión 1.4 da plataforma eBox

Venres, 5 Febreiro 2010

Logo de eBox

eBox Technologies anunciou onte a publicación da nova versión estable da súa plataforma eBox, servidor Linux dirixido á pequena e mediana empresa que pode actuar como pasarela de rede (gateway), xestor unificado de ameazas de seguridade (UTM), servidor de oficina, xestor da infraestrutura de rede, servidor de comunicacións unificadas ou unha combinación de todas elas.

Esta nova versión incorpora unha serie de melloras e novas funcionalidades. Así por primeira vez introduce opcións de SaaS, tales como a realización de copias de seguranza remotas ou chamadas VoIP de baixo custe a teléfonos móbiles e fixos de todo o mundo, convertendo a plataforma eBox nunha opción de servidor cada vez máis atractiva tanto para as pemes como para os provedores de servizos TIC enfocados ao mercado das pemes.

En palabras de Ignacio Correas, Director Xerente de eBox Technologies, “Agora non só ofrecemos unha completa funcionalidade de servidor e un mellor contorno para provedores TIC para prestación de servizos a través de eBox Control Center, senón que tamén se integran na plataforma unha serie de servizos de subscrición na nube, unindo nunha tecnoloxía común o potencial do código aberto, SaaS e computación na nube.
As dúas novidades máis importantes son o soporte para servidores LDAP mestre-escravo e a sincronización con Microsoft Windows Active Directory. Tamén inclúen un novo módulo de webmail, soporte PPPoE, soporte Multi-WAN para routers configurados por DHCP e/ ou PPPoE, nova versión de Samba (3.4.5), actualizacións dinámicas de DNS mediante DHCP e novo módulo de RADIUS. Ademais, incorpora unha serie de melloras nos módulos de Correo, Impresoras e VoIP así como melloras xerais na usabilidade.

A versión de eBox Platform 1.4 preparada para produción pódese descargar dende a web.

A seguinte versión estable de eBox Platform, 2.0, está prevista para xullo de 2010.

eBox en Galicia

Na nosa comunidade existen numerosas empresas que ofrecen servizos de implantación desta plataforma, como se pode comprobar no catálogo de AGASOL: Aitire, Conexiona, Redegal, Tegnix, Ultreia e Wireless Galicia.

Na sección de casos de éxito de eBox Technologies, figuran dous casos galegos, o da empresa galega Aitire, de quen xa informamos no seu día que se convertera en parceira de eBox Technologies, e o do IES Espiñeira de Boiro.

Aitire figura como caso de éxito de modelo de negocio do software libre grazas ao seu produto Aibox, que integra a plataforma eBox con hardware Dell para ofrecer unha solución integrada dirixida a satisfacer todas as necesidades TIC dunha peme de entre 5 e 50 empregados.

O IES Espiñeira de Boiro figura como caso de éxito de implantación da plataforma eBox para a xestión da súa rede de computadores. As razóns principais que levaron a escoller eBox foi que fose software libre e a facilidade de instalación e uso. Na actualidade dispoñen de dous servidores nos que teñen instalados os módulos eBox Office, eBox UTM e eBox Gateway.

Fonte: eBox Technologies

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal