Xa está dispoñible a versión 2.3 do motor e a versión 2.2 dos módulos de Facturación e Contabilidade de AbanQ, un software libre con licenza GPLv2, anteriormente coñecido como FacturaLUX, orientado a ofrecer solucións ás empresas de tipo ERP (planificador de recursos), CRM (relacións con clientes), MRP (produción), comercio electrónico, facturación, financeira, almacén, etc.
Aínda que todo o software de AbanQ é GPL, só están dispoñibles para a súa descarga gratuíta o motor 2.3 e os módulos 2.2. Para conseguir o resto dos compoñentes hai que compralos (ou conseguir que alguén que os teña regálechos, a GPL permite iso). Os módulos oficiais 2.3 de facturación e financeira (sen extensións), por exemplo, custan 49 euros. Os módulos especiais para empresas son algo máis caros. Un exemplo de que é posible establecer modelos de negocio de software libre baixo pago…
Esta versión é a que finaliza a rama 2.X e é a última prevista até dar o salto cara a AbanQ v3. Coa versión 2.3 buscouse sobre todo conseguir a maior fiabilidade posible, solucionando por exemplo as inestabilidades en Windows, para que poida afrontar sen problemas un longo ciclo de vida mentres chega a versión 3. Tamén se fixo moito fincapé en temas de velocidade e compatibilidade, mellorando considerablemete aspectos como a conexión con MySQL e o manexo de grandes conxunto de rexistros.
