Mancomún

Publicada a versión 3.20.14 de KOHA ILS

Venres, 16 Setembro 2016

Logotipo de KOHA ILS

A comunidade de KOHA publicou recentemente a versión 3.20.14 da solución libre Koha ILS. Trátase dunha actualización centrada en melloras de seguridade. Se ben non se trata dunha actualización crítica, a comunidade KOHA recomenda a actualización dos sistemas para protección con respecto de vulnerabilidades web do tipo XSS (execución de código malicioso mediante carga de contido por parte dun terceiro na web cargada polo usuario).

KOHA é un sistema integrado de xestión de bibliotecas (SIXB ou ILS, integrated library system) distribuído con licenza GPL2, de feito foi o primeiro SIXG libre. O seu desenvolvemento está promovido por bibliotecas de diversos tipos e tamaños, voluntarios, e empresas de todo o mundo.  
Hoxe en día é o SIXB libre de uso máis estendido grazas ás súas completas e avanzadas funcionalidades. Koha implementa o tradicional OPAC (catálogo en liña) de biblioteca pero tamén incorpora todos os módulos necesarios para a xestión automatizada das bibliotecas (circulación, catalogación, adquisicións, publicacións seriadas, reservas, xestión de usuarios, xestión de permisos, relacións interbibliotecarias, autopréstamo, …), funcionalidades da web 2.0 (rss, etiquetado, …) respondendo así ás demandas da nova sociedade da información, e por suposto é compatible cos estándares internacionais da industria. Conta cunha API para empregar ferramentas como SRU/W, Z39.50, UnAPI, CoinS/OpenURL e OAI-PMH ou o estándar OpenSearch creado por Amazon. O almacenamento de rexistro en formato MARC etiquetado en XML proporciona un rápido acceso aos datos.

Un aspecto moi importante, e chave do éxito deste sistema, é que ao ser software libre permite que as bibliotecas poidan ter liberdade e independencia do provedor; é dicir, poden implantar elas mesmas KOHA se dispoñen de persoal capacitado, contratar os servizos dunha ou varias empresas e exportar os datos do sistema en calquera momento.

Na actualidade, KOHA ILS está sendo empregado pola Rede de Bibliotecas de Galicia que foi posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia (AMTEGA). Este é un dos máis importantes proxectos ata a data dentro do ámbito internacional da comunidade de Koha ILS. Actualmente están subscritas 45 bibliotecas, entre as que están as públicas de xestión autonómica que dispoñen de 900.000 títulos e 2 millóns de documentos, establecendo as bases para a incorporación de máis de 300 bibliotecas e axencias de lectura que forman a Rede.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal