Mancomún

Publicada a versión final de MiniNo Ártabros 2.1

Mércores, 10 Setembro 2014
Imaxe da sección de descargas da Minino 2.1A finais do mes de xullo dabamos conta da publicación da versión candidata da distribución desenvolvida por GALPon, a MiniNo Ártabros 2.1.

Os prazos estimados para converterse en versión definitiva apuntaban a finais do mes de Agosto, e axustados á planificación, a finais do pasado mes, GALPon anunciou no seu portal a nova MiniNo que está xa dispoñible para a súa descarga en dúas edicións, ambas baseadas en Debian 7:

  • Edición MiniNo Ártabros 2.1 «full» para equipos algo máis modernos, capaces de mover ferramentas como LibreOffice e poden ler DVD e/ou USB.

  • Edición MiniNo Ártabros 2.1 «minimal» para equipos con moi poucos recursos e que só poden ler discos CD.

Para quen aínda non a coñeza, GALPon MiniNo é unha distribución GNU/Linux, baseada en Debian, que ten por obxectivo dar solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos.

Nos últimos tempos está a ter un incremento de popularidade pola súa utilidade como reemprazo do sistema operativo Windows XP xa sen mantemento e soporte. Así por exemplo podemos mencionar o caso de éxito na adaptación de MiniNo para a Universidade de Santiago ou a Doazón de equipos antigos da USC ao cárcere de Teixeiro. O uso de MiniNo nestes casos evita ter que realizar inversións en novo hardware, que soporte sistemas operativos máis recentes con necesidades moito maiores de capacidade hardware, así como os gastos asociados ás licenzas de uso asociado a outro sistema operativo privativo.
Novidades de MiniNo Ártabros 2.1

Ademais da dispoñibilidade das dúas edicións e das melloras na funcionalidade de construción dunha imaxe ISO personalizada, outra das novidades máis importantes acadadas foi a redución de consumo de memoria RAM, que segundo informan, aínda conseguiron reducir máis dende a versión candidata. En palabras dos desenvolvedores: “Aproveitando o tempo, mentres probabades a RC, fixemos algún que outro axuste e agora podemos presumir de que xa só necesita 53 MB de RAM se só accedemos ao escritorio (X cargadas). Como este é un dato pouco significativo, cargamos Midori e puxémolo a reproducir un vídeo de 48 minutos de Youtube (ver a imaxe anexa) e o seu consumo elevouse ata os 164 MB, dos que 135,5 eran do propio Midori e 12,5 MB do xestor de tarefas (lxtask).”

Como xa nos teñen acostumados, os desenvolvedores non paran, e xa están traballando na futura MiniNo 3.0 que estará baseada en Debian Jessie, agardando poder publicar a primeira versión beta durante o mes de novembro.

Esta publicación forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal