O equipo de desenvolvemento de Trisquel publicou onte a súa nova versión Trisquel GNU/Linux 3.0, nome en clave Dwyn. Segundo explican no seu anuncio. “trátase da primeira dunha nova serie de versións con asistencia técnica a curto prazo e que inclúen software en versións moi recentes, un mellor rendemento e maior compatibilidade con hardware, e que farán boa compaña á rama de soporte a longo prazo 2.x Robur".
A versión 3.0 será actualizada a 3.5 dentro de seis meses, e recibirá melloras durante outros seis. A versión 2.2 LTS, lanzada fai uns días, recibirá actualizacións de seguridade ata o ano 2013.
Este lanzamento incluirá dúas edicións: a versión estándar de Trisquel, e unha nova edición "mini" -que estará dispoñíbel nuns días- pensada para netbooks e computadores máis vellos, e fai uso de software lixeiro con requisitos baixos, coma o contorno de escritorio XFCE, o navegador Epiphany, o cliente de correo Sylpheed, ou o procesador de textos Abiword. A edición estándar segue a fornecer unha solución completa de escritorio, incluíndo os aspectos de oficina, multimedia e a rede, “mantendo o compromiso de promover e distribuír exclusivamente software libre”, recalcan.
Ese mesmo compromiso é o que levou á Free Software Foundation a aumentar a seu apoio ao proxecto, promovendo por todo o mundo o uso de Trisquel GNU/Linux. Colaborando ademais cun mirror completo nos Estados Unidos, e documentando a instalación e uso de Trisquel en contornos de servidor, o cal permitirá unha futura migración das súas propias máquinas.
Trisquel 3.0 Dwyn inclúe, na súa versión estándar:
-
Linux-libre 2.6.28
-
GNOME and Evolution 2.26
-
OpenOfice.org 3.0
-
Trisquel web browser (Mozilla based) 3.0
-
GIMP 2.6
Tamén incorpora unha gran cantidade de utilidades coma Pidgin, Inkscape, Transmission, Brasero, os xogos de GNOME, e o media center Elisa. Trisquel é compatíbel con practicamente todos os formatos de audio e vídeo incluíndo os DVDs protexidos contra copia, e é compatíbel coas tecnoloxías Java e Flash, empregando unicamente software libre.
A partires da versión 2.2, esta edición vén cos seguintes idiomas pre-instalados: Inglés -por defecto-, Castelán, Catalán, Chinés, Francés, Galego, Hindi, Portugués, e Vasco. Durante a instalación posibilítase a opción de empregar outros 50.
A rama 2.x LTS tamén foi actualizada no día de onte (a 2.2.1), incluíndo o último sistema de eliminación de blobs de linux-libre, para un kernel aínda máis libre e con mellor soporte de hardware. Engadiuse tamén unha aplicación para crear discos usb live.
Ao respecto de todas estas melloras, os desenvolvedores de Trisquel fan un chamamento á colaboración dos membros da comunidade como mantedores de paquetes, probadores, tradutores, e documentadores. Explican, ademais, que se están a comezar novos proxectos coma unha edición para servidores e unha imaxe de CD para instalación por rede, polo que tamén serán ben recibidos administradores de sistemas e hackers con experiencia en redes.
Acerca de Trisquel
Trisquel GNU/Linux é unha versión do sistema operativo GNU que emprega o kernel Linux. O obxectivo principal do proxecto é a produción dun sistema totalmente libre que sexa sinxelo de usar, completo, e cun boa base de idiomas.
O proxecto naceu no ano 2004 co apoio da Universidade de Vigo, e foi presentado oficialmente en abril do 2005 coa presenza coma invitado de honra de Richard Stallman, fundador do proxecto GNU. O proxecto Trisquel mantén os seus propios repositorios, derivados dos compoñentes main e universe de Ubuntu, pero eliminando todo o software privativo. As diferencias inclúen o borrado de todos os paquetes non libres, a substitución do kernel orixinal Linux pola versión sen blobs linux-libre, e o engadido de varios paquetes.
O 11 de decembro de 2008, Trisquel GNU/Linux foi incluída pola Free Software Foundation na lista de distribucións GNU/Linux totalmente libres, dispoñíbel na páxina do proxecto GNU, tras pasar un proceso de verificación que confirmou o compromiso do equipo e comunidade de desenvolvemento de Trisquel coa promoción e distribución soamente de software 100% libre.
Fonte: Trisquel
