Logo de dous anos de constante desenvolvemento, o proxecto Debian presentou o pasado día 4 de maio a nova versión estable Debian 7.0 Wheezy.
A nova versión de Debian inclúe interesantes características como:
- Compatibilidade multi-arquitectura, que permitirá aos usuarios instalar nun mesmo equipo paquetes de distintas arquitecturas, por exemplo software de 32 e de 64 bits resolvendo automaticamente todas as dependencias.
- Ferramentas específicas para despregar nubes privadas, tendo dispoñibles paquetes de OpenStack e de Xen Cloud Platform (XCP).
- Un sistema de instalación mellorado, que permite instalar Debian usando software de síntese de voz, útil por exemplo para persoas con discapacidade visual que non empregan dispositivos Braille. Estes sistema de instalación co software de síntese de voz está dispoñible en máis dunha ducia de idiomas, sendo 73 os idiomas nos que está dispoñible o sistema de instalación tradicional, sendo o galego un deles. Ademais, por primeira vez, Debian permite a instalación e arranque usando UEFI para PCs novos de 64 bits (amd64), aínda que non é posible empregar polo momento o "arranque seguro".
- Ademais incorpora un conxunto completo de códecs multimedia e interfaces que eliminan a necesidade de empregar repositorios de terceiros.
Galeguizando Debian
Segundo nos informan dende Trasno, existe un pequeno equipo galego de tradución de Debian, actualmente coordinado por Jorge Barreiro e composto fundamentalmente por trasnegos que están facendo todo o posible por elevar o nivel de cobertura do galego.
A pesar de non seren moitos os que colaboran nesta tarefa, cómpre destacar que o instalador está 100% dispoñible en galego e no que se refire aos distintos paquetes o galego está no posto número 22 de idiomas internacionais. Como en todos os proxectos de tradución que coordinan dende Trasno, toda colaboración e axuda é sempre moi benvida.
Sendo Debian «a nai do año» primordial, a fonte limpa da localización dos sistemas GNU/Linux de onde beben moitas distribucións como Ubuntu resulta especialmente importante o nivel de galeguización que se acada nesta distribución para ter un SO libre totalmente galeguizado. Tamén é unha das comunidades máis esixentes á hora dos procesos administrativos, dos controis de calidade, da terminoloxía e do estilo do galego no ámbito informático.
Estatísticas de tradución ao galego do proxecto a día de hoxe:
- Nivel de localización dos ficheiros PO dos distintos paquetes : 30%, posto 22 internacional
- Nivel de localización dos modelos de ficheiros de configuración (Debconf) xestionados con Gettex : 71%, 13 posto internacional
- Nivel de localización dos ficheiros PO de documentación xestionados con po4a: 1%, posto 14 internacional
- Nivel de localización dos ficheiros de descrición (DDTP): todo por facer
- Galeguización do website: 0,2 %
- Instalador de Debian: 100%
Debian é unha distro xestionada exclusivamente por voluntarios e para obter o SO nun determinado idioma cómpre constituír un equipo e organizar unha xeira de traballo. Non abonda con simplemente traducir un ficheiro xa que hai que ter os medios para sostelos actualizados e precísase por iso unha colaboración a longo prazo, tal como informa Debian International
Quere darlle unha oportunidade a Debian 7.0?
Se simplemente quere probalo sen ter que instalalo, pode empregar unha imaxe especial, coñecida como imaxe en vivo, dispoñíbeis para CD, memorias USB e configuracións de arranques por rede. Nun principio, estas imaxes fornécense só para as arquitecturas amd64 e i386. Estas imaxes permiten tamén a instalación posterior de Debian. Ten máis información dispoñible na páxina de Debian Live.
Se quere instalalo, é posible facelo en todo tipo de ordenadores: dende dispositivos de man ata superordenadores e nun total de ata nove arquitecturas diferentes: 32-bit PC / Intel IA-32 (i386), 64-bit PC / Intel EM64T / x86-64 (amd64), Motorola/IBM PowerPC (powerpc), Sun/Oracle SPARC (sparc), MIPS (mips (big-endian) e mipsel (little-endian)), Intel Itanium (ia64), IBM S/390 (31-bit s390 e 64-bit s390x), e ARM EABI (armel para o hardware antigo e armhf para o hardware máis recente empregando o hardware de punto flotante).
Pode escoller diferentes medios de instalación, como discos Blu-ray, DVDs, CDs e dispositivos USB ou instalación dende a rede. Dende as imaxes de CD/DVD é posible escoller no menú de instalación o entorno de escritorio que se desexa (GNOME, KDE, Xfce, e LXDE). Ademais hai tamén CD/DVD multiarquitectura. Por suposto é posible crear USB de instalación. Está dispoñible unha completa guía de instalación con todos os detalles.
As imaxes poden descargarse via bittorrent (recomendable), jigdo, ou HTTP e estará en breve á venta CD, DVD ou Blu-ray físicos dende diversos provedores.
