Mancomún

Publicada Slackware 13.0

Luns, 31 Agosto 2009
Logo de SlackwareDespois dun dos períodos máis intensos de desenvolvemento na historia de Slackware, a longamente agardada versión estábel 13.0 de Slackware está lista. Este lanzamento trae consigo moitos cambios importantes dende Slackware 12.2, incluíndo unha colección de paquetes para as X totalmente refeitos (xa non se necesita un ficheiro de configuración para as X na maioría dos casos), importantes actualizacións aos contornos de escritorio (KDE versión 4.2.4 e Xfce versión 4.6.1), un novo formato de paquetes (.txz) cunha mellor compresión, e outras actualizacións (ao sistema de desenvolvemento, servizos de rede, bibliotecas, e aplicativos como Firefox e Thunderbird). Cremos que estarás de acordo en que pagou a pena a espera por esta versión. Ademais, este é o primeiro lanzamento de Slackware con compatibilidade coa arquitectura de 64 bits x86_64! Parabéns a Eric Hameleers por todo o seu traballo, especialmente no port a 64 bits.

Así comeza unha breve nota anunciando a nova versión, na sección de noticias da páxina de Slackware. O equipo que realiza esta veterana distribución, a máis antiga de cantas seguen activas hoxe en día, segue a demostrar que este non é, nin moito menos, un proxecto inactivo.
No anuncio do lanzamento podemos ler as características máis destacadas desta nova versión, entre as que destacarían:

  • Emprégase a versión 2.6.29.6 do núcleo Linux
  • Os binarios do sistema van ligados coa biblioteca C de GNU, na versión 2.9
  • O sistema X baséase no da fundación X.org
  • Instálase gcc-4.3.3 como compilador predeterminado de C, C++, Objective-C, Fortran e ADA
  • Compatibilidade con PCMCIA, CardBus, USB, FireWire e ACPI
  • Pidgin-2.5.9, gimp-2.6.6, gkrellm-2.3.2, gxine-0.5.903, xchat-2.8.6…
  • E moitas máis. Para ver unha lista completa de paquetes incluídos en Slackware 13.0, pódese botar un ollo a este ficheiro: ftp://ftp.slackware.com/pub/slackware/slackware-13.0/PACKAGES.TXT

Este anuncio remata coas seguintes palabras, de parte de Patrick J. Volkerding, fundador e coordinador do proxecto:

Divertídevos! :^) Espero que atopedes útil Slackware, e moitas grazas polo voso apoio a este proxecto ao longo dos anos.

A primeira versión de Slackware apareceu o 16 de xullo do ano 1993, co que esta histórica distribución cumpriu xa os 16 anos.

Fontes: Anuncio oficial, guai.internautas.org

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal