Veñen de informarnos da publicación do estudo titulado “Sistemas informáticos multilingües con galego e español”. Trátase dunha breve e útil guía para introducir aos encargados informáticos nas posibilidades de converter os seus sistemas de traballo en sistemas multilingües e mantibles.
Aínda que inicialmente o estudo se realizou tendo como destinatarios principais aos encargados informáticos de contornos laborais onde habitualmente é preciso configurar novos postos de traballo para persoal con diferentes preferencias ou necesidades lingüísticas, tamén pode ser de utilidade para usuarios particulares que queiran coñecer as posibilidades coas que contan para usar programas libres ou programas en galego no seu computador.
Segundo palabras do seu propio autor, Ignacio Agulló Sousa, “neste estudo pioneiro, o primeiro adicado a sistemas informáticos bilingües galego/español, demóstrase como se poden preparar computadores para que se poida traballar con eles tanto en galego como en español, e incluso cada día cunha lingua diferente. A idea é poder cambiar de lingua nun minuto, e que ademais o faga o propio usuario con pouca ou ningunha necesidade de intervención do persoal informático.”
O estudo fai un repaso polos diferentes tipos de sistemas bilingües galego/español que existen, con cadanseus pros e contras, atendendo ao cumprimento dunha serie de condicións imprescindibles como son mantemento, bilingüismo e polivalencia. Así céntrase en analizar as posibilidades de configuración bilingüe en sistemas operativos como Ubuntu, Trisquel, Windows XP e Windows Vista, coas ferramentas que, segundo a experiencia laboral do autor, cubren as funcionalidades estándar nos contornos laborais galegos, maioritariamente aplicativos libres:
- Acceso a redes SMB con posibilidade de compartir ficheiros e impresoras.
- Paquete de ofimática capaz de editar os documentos usuais (texto, folla de cálculo, etc.) e con capacidade de instalar complementos como por exemplo correctores ortográficos. OpenOffice.org
- Navegador con capacidade de instalación de complementos como por exemplo reprodutor de Flash. Firefox
- Xestor de correo electrónico con capacidade de instalar complementos como por exemplo correctores ortográficos. Thunderbird.
- Compresor. Peazip.
- Gravador de discos ópticos. Gnomebaker e Infrarecorder.
- Visor de documentos PDF. Evince e Sumatra PDF.
- Creador de documentos PDF. OpenOffice.org e PDFCreator.
- Reprodutor multimedia. VLC MediaPLayer.
- Visualizador de imaxes. FSpot e XnView.
- Contorno de Execución Xava.
- Antivirus.
