O Equipo de Desenvolvemento de Zentyal anunciou o pasado xoves 13 de setembro a publicación de Zentyal 3.0, unha nova versión do servidor Linux para pequenas e medianas empresas (pemes) que xa está dispoñible para a súa descarga. Zentyal busca prover ás pemes de solucións de infraestrutura de rede profesionais, robustas e seguras, que sexan á vez fáciles de usar e alcanzables.
Segundo se recolle na nota de prensa da publicación, unha das máis importantes características de Zentyal 3.0 é a integración de Samba4, que converte ao servidor Zentyal nunha substitución completa de Windows Server Active Directory. Isto significa que a partir de agora, o servidor Zentyal usará protocolos para xestionar usuarios, permisos e políticas de seguridade que son totalmente compatibles con calquera servidor Windows e escritorio Windows.
Esta versión tamén presenta Single Sign-On, unha característica totalmente nova baseada no software de código aberto Kerberos. Esta característica elimina a necesidade de introducir credenciais de usuario cada vez que un usuario quere acceder a servizos de rede como correo, compartición de ficheiros ou navegar por Internet a través dun proxy. Grazas á integración con Samba4, esta característica funciona automaticamente en escritorios Windows.
Ademais, Zentyal 3.0 inclúe importantes melloras de rendemento e usabilidade, xunto cun gran número de novas características como o módulo UPS, o módulo de Clientes Lixeiros e unha nova arquitectura Master-Slave. Ademais, varios módulos incluíndo Proxy HTTP, devasas e a plataforma de colaboración Zarafa incorporan actualizacións substanciais. Un cambio importante é tamén a actualización do sistema operativo base: Zentyal 3.0 está a basear na última edición de Ubuntu Server LTS (12.04).
Nas notas da publicación poden verse todas as novas funcionalidades e melloras desta versión 3.0
Zentyal Summit 2012
Unha gran parte do evento anual Zentyal Summit, que se celebrará este ano os días 4 e 5 de outubro en Zaragoza, centrarase na versión Zentyal 3.0 e como esta axuda a provedores de soporte e servizos TIC e administradores de sistemas a despregar solucións de xestión de infraestrutura de rede baseadas en solucións Linux en pemes.
Durante os dous días do evento, fabricantes de software de código aberto como Canonical ou Zarafa, desenvolvedor da plataforma de correo electrónico e de colaboración Zarafa ofrecerán xunto con Zentyal unha serie de presentacións comerciais e obradoiros técnicos. Durante estas será posible aprender sobre migración de servidores e escritorios a sistemas baseados en Linux, como escoller o hardware ou integrar sistemas de xestión de infraestruturas con aplicacións de nivel de usuario, ou que vantaxes pode ofrecer Samba 4 ou Single Sign-On na xestión de infraestrutura TIC en peme. O programa completo está dispoñible na web do evento.
Non hai cota de inscrición para participar no evento, pero o número de prazas está limitado e por tanto, recoméndase unha inscrición previa.
Zentyal en Galicia
Destacar que en Galicia temos ao único Partner Silver de Zentyal, a compañía Aitire que dispón dun equipo de técnicos especializados capaz de ofrecer servizos de desenvolvemento e asistencia sobre Zentyal, así como a súa solución integral hardware e software baseada en Zentyal, Aibox, capaz de responder a todas as necesidades informáticas dunha peme.
Ademais hai outras empresas pertencentes a AGASOL que tamén ofrecen os seus servizos en torno a Zentyal.
