Nos dous últimos días puidemos ver os respectivos anuncios da publicación das versións finais e estables de LibreOffice 3.3 e OpenOffice.org 3.3.
Ambos proxectos están a ser localizados ao galego baixo a coordinación de Antón Méixome, membro do Proxecto Trasno, e grazas ao seu esforzo e traballo, LibreOffice 3.3 está dispoñible en galego xa para a súa descarga e OpenOffice.org 3.3 estará dispoñible en galego en breve, xa que a súa publicación foi adiantada inesperadamente sobre os prazos previstos.

Podedes matervos ao días respecto destas novidades no blog adicado á galeguización de ambas suites ofimáticas libres.
LibreOffice 3.3
O pasado día 25 de xaneiro, a Document Foundation anunciou a liberación de LibreOffice 3.3, a primeira versión estable da suite ofimática libre desenvolvida pola comunidade con adianto respecto do prazo de publicación previsto grazas a que en menos de 4 meses conseguiron aumentar o número de desenvolvedores de 20 a máis de 100.
Ademais de importantes melloras e características, a publicación de LibreOffice 3.3 supón, segundo recolle a nota de lanzamento, un logro moi significativo polas seguintes razóns:
- A comunidade de desenvolvedores foi quen de construír o seu propio e independente proceso, e poñelo en marcha en moi pouco tempo (con respecto ao tamaño da base de código e ambicións do proxecto);
- Grazas á gran cantidade de novos colaboradores que foron atraídos cara ao proxecto, o código fonte está sufrindo rapidamente unha limpeza a fondo para fornecer unha mellor base para o desenvolvemento futuro de LibreOffice;
- O programa de instalación de Windows, que afectará á base de usuarios máis grande e diversa, integrouse nunha soa estrutura que contén todas as versións lingüísticas, o que reduce o tamaño dos sitios de descarga de 75 a 11 GB, polo que é máis fácil para nós implementar novas versións máis rápidamente e reducir a pegada de carbono de toda a infraestructura.
LibreOffice 3.3 trae todas as novas funcionalidades de OpenOffice.org 3.3, algunhas das cales foron achegas dos membros do equipo de LibreOffice anteriores á formación da Document Foundation, pero a maiores inclúe tamén funcionalidades exclusivas entre as que destacan: a capacidade de importar e traballar con ficheiros SVG, unha forma doada de crear e dar formato a páxinas de título ou portadas e a súa numeración no Writer, unha Ferramenta de Navegación máis útil para o Writer; ergonomía mellorada en Calc para a xestión de follas e de celas, e filtros para a importación de documentos de Microsoft Works e Lotus Word Pro. Ademais, incluíronse algunhas extensións importantes como a importación de PDF, a consola de presentacións de diapositivas, un mellorado creador de informes, e moitas outras.
Na web de LibreOffice pode consultarse a lista completa e detallada de todas as novas funcionalidades de LibreOffice 3.3.
OpenOffice.org 3.3
Un día despois desta publicación, anunciouse sorprendentemente a publicación da versión OpenOffice.org 3.3, xa que estaba previsto agardar dúas semanas para que os equipos de localización puideran levar a cabo a fase de probas final e a súa aprobación.
OpenOffice.org 3.3 sae con moitas novidades respecto da versión anterior, que como xa dixemos incorpora tamén LibreOffice 3.3 como o novo tratamento personalizado de propiedades; incorporación de tipos de letra estándar para PDF en documentos PDF; nova tipografía Liberation Narrow; aumento da protección dos documentos no Writer e Calc; díxitos decimais automáticos para o formato "Xeral" no Calc; 1 millón de liñas nunha folla de cálculo; novas opcións de importación de CSV no Calc; inserción de obxectos de deseño en gráficas, etiquetas xerárquicas nos eixes nas gráficas, melloras na manipulación do esquema da diapositiva no Impress, unha interface de impresión nova e máis doada de usar, máis opcións para cambiar as maiúsculas e minúsculas; e lapelas en cor para as follas no Calc.
Ubuntu, Fedora e OpenSuse decántanse por LibreOffice
A semana pasada os desenvolvedores de Ubuntu decidiron adoptar LibreOffice como suite ofimática para a súa distribución e de feito, xa comezou a incluíla nas versións diarias de desenvolvemento da futura versión Ubuntu 11.04 prevista para finais de abril.
Mais Ubuntu non será a última distribución en dar este paso, así Fedora, tamén decidiu empregar LibreOffice na súa seguinte versión Fedora 15 prevista para o 10 de maio. E openSuse de Novell tamén o decidiu así, o cal non sorprende tendo en conta que moitos desenvolvedores de Novell e openSuse traballan no equipo de LibreOffice. A data de publicación da nova versión de OpenSuse está prevista para o 10 de marzo.
