Mancomún

Publicado Knoppix 6.2

Xoves, 19 Novembro 2009
KnoppixKnoppix é unha compilación de software GNU/Linux, que se executa completamente dende un CD, DVD ou disco flash. Detecta automaticamente un amplo rango de tarxetas gráficas, de son, dispositivos USB e outros periféricos. Knoppix pode empregarse como unha demostración de GNU/Linux, para cursos de adestramento, como sistema de rescate, ou como plataforma para demostracións de produtos de software comercial. Non se necesita instalar nada nun disco ríxido. Grazas ao seu sistema transparente de descompresión, pódense incluír ata 2 gigabytes de aplicativos executábeis nun CD, e ata 10 gigabytes nun DVD de simple capa.

Software incluído

Dependendo da nosa elección (CD ou DVD), teremos instalada unha gran variedade de software dos repositorios de Debian. A versión do CD contén, cando menos:

  • LXDE como escritorio estándar
  • OpenOffice.org
  • O navegador web Firefox
  • GIMP
  • O sistema multimedia MPlayer
  • Software para o acceso a internet a través de (W)LAN, módem, isdn ou umts/gprs
  • Ferramentas para o recate de datos, análise de redes e reparación de sistemas.

Recentemente publicouse a nova versión 6.2 desta veterana distribución. Esta versión, seguindo o rumbo marcado na serie 6.x, conta cos seguintes compoñentes:
Microknoppix

Microknoppix é unha reescritura completa do sistema de arranque de Knoppix dende a versión 6.0 e superiores, que conta coas seguintes características:

  • Alta compatibilidade coa súa base Debian: á parte dos ficheiros de configuración, non se cambia nada na instalación estándar de Debian.
  • Procedemento de arranque acelerado: Independentemente dos scripts de arranque SysV, múltiplas tarefas do inicio execútanse en paralelo, e así chégase moi rapidamente aos escritorios interactivos.
  • Emprégase LXDE como contorno gráfico, un escritorio rápido e lixeiro cun inicio moi rápido e requirimentos baixos de recursos.. Ao estar baseado en GTK2, funciona moi ben xunto co lector de pantalla Orca.
  • A cantidade de aplicativos instalados reduciuse moito nesta primeira versión en CD, de xeito que as personalizacións en CD volven a ser posíbeis. Na edición en DVD, están dispoñíbeis KDE4 e Gnome con moitos aplicativos orixinarios destes coñecidos escritorios.
  • A configuración da rede manéxase a través de NetworkManager
  • É posíbel utilizar unha imaxe persistente (KNOPPIX/knippix-data.img) para gardar configuracións personalizadas e aplicativos instalados adicionais. Opcionalmente, esta imaxe pode estar cifrada con AES/256bit.

Esta versión 6.2 está actualizada completamente desde Debian Lenny, Testing e Inestable. Emprégase o núcleo 2.6.31, e o servidor X xorg 7.4.

ADRIANE

ADRIANE é un sistema de menú parlante, que se espera que faga máis sinxelo o traballo e o acceso a internet aos principiantes con computadores, mesmo se non teñen contacto co monitor do computador. Outra opción é un contorno gráfico, tamén con aplicativos parlantes e ampliación a vontade empregando compiz-fusion.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal