Mancomún

Publicado o Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas deste mes de Decembro

Mércores, 13 Decembro 2017

Xa está publicado o número 41 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de decembro.

O proxecto destacado deste mes é OpenNebula, unha plataforma de software libre que permite xestionar a infraestrutura de CPD heteroxéneo e distribuído. Un proxecto cuxa idea se comezou a desenvolver no 2005 é hoxe en día unha plataforma xa madura, como queda demostrado por ser empregada por numerosas entidades en múltiplos proxectos, como por exemplo no caso de éxito que se describe no boletín, o Rural School Cloud levado adiante polo CESGA.

No apartado de novas destacan as novidades que veñen de varios países de Europa. No Reino Unido recomendan a publicación de software libre e o seu uso, nos Países Baixos liberan software feito con cartos públicos, mentres, en Letonia actualizan o plan de goberno aberto. Neste número destacan tamén varios artigos que están a ser publicados no portal Mancomún relacionados coa ciberseguridade.

Boletín de reutilización de Software Libre

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal