Xa está publicado o número 30 do Boletín de Reutilización de Software Libre nas Administracións Públicas correspondente a este mes de Xaneiro.
O proxecto destacado deste mes é ProudCity, unha solución baseada en WordPress pensada para a creación do portal web corporativo para un concello pequeno, con recursos limitados. Esta solución permite despregar un portal moderno, con soporte para dispositivos móbiles e ferramentas de eAdministración.
No tocante ao apartado de novas, este mes destacan varias iniciativas en diferentes países europeos de políticas de implantación e aposta polo software libre.
Boletín de reutilización de Software Libre
Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.
Dende Outubro de 2015, este boletín vense publicando no portal mancomún, co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade.
