Mancomún

Publicado o contorno de escritorio KDE 5.7 dispoñible en galego

Venres, 8 Xullo 2016

Logotipo de KDE A Comunidade de KDE vén de anunciar o seu lanzamento do Espazo de traballo Plasma, de aplicativos e da Plataforma de desenvolvemento de KDE 5.7. Este novo lanzamento ten un relevante paquete de melloras e cambios con respecto a versións anteriores que, dun xeito particular, buscan a adaptación ao novo xestor gráfico Wayland:

  • A caixa de entrada foi totalmente redeseñada buscando un enfoque máis sinxelo.

  • Volve a visión de axenda no calendario que nos amosa ao instante todas as cifras e días festivos.

  • Dende Krunner agora poderase acceder directamente ás chamadas Jump List Actions que nos permiten acceder a tarefas específicas de determinadas aplicacións

  • Cambios no control de volume permiten cambiar o dispositivo de audio dunha aplicación simplemente arrastrando a aplicación a outro dispositivo

  • Melloras na visibilidade de todo o sistema con cambios no esquema de cores usado no artwork do proxecto

  • Tamén mellorou o framework Kiosk

  • E o xestor de tarefas foi redeseñado por completo para mellorar a compatibilidade co protocolo de servidor gráfico Wayland.

Respecto do último punto, o equipo de KDE realizou especialmente multitude de tests que involucran ao compositor de xanelas KWin en relación ao soporte para Wayland, aínda que o servidor clásico X11 seguirá a ser a opción predeterminada polo momento.

KDE traducido ao galego

O galego continúa entre o grupo das poucas linguas ás que se traduciu KDE ao completo neste lanzamento. O grupo de localización de KDE ao galego, con Marce Villarino na coordinación e as traducións de Xosé Calvo, Miguel Branco e Manuel A. Vázquez e Chema Barcala, chegou a obter a interface gráfica de KDE totalmente traducida en con moitos módulos revisados de novo por completo.

Como se indica máis arriba, o proxecto KDE está traducido ao completo ao galego superando a outras linguas coma o noruegués, danés ou finés e mesmo tamén a outras linguas máis clasicamente predominantes nestes campos coma o italiano, o francés e incluso o alemán.

Este traballo é debido ao grupo de localización ao galego de KDE que é liderado, dende xa hai oito anos, polo proxecto Trasno cumprindo durante todo este tempo cos mellores estándares de traballo de tradución. Tamén dende Trasno sempre se fai explícito o recordatorio e o agradecemento para que nova xente se una ao esforzo e axude contribuído na tradución do proxecto para manteres estes niveis de calidade, como no seu día colaboraron outros tradutores coma Pedro Suárez, Rodrigo Boado, Martina Ramilo, Javier Jardón, Jorge Baz, Máximo Coejo, Leandro Regueiro,Gonzalo H.Castilla, Jesús Bravo e Xabi G. Feal.

Acerca de KDE

KDE é un equipo tecnolóxico internacional que crea software libre e de código aberto para os ordenadores persoais e as computadoras portátiles. Entre os produtos de KDE están os contornos de escritorio máis modernos para plataformas Linux e UNIX, software de produtividade ofimática incluíndo aplicacións de web e Internet, multimedia, entretemento, educación, gráficos e desenvolvemento de software. O software de KDE está traducido en máis de 60 idiomas e está construído baseado na facilidade de uso e os máximos principios de accesibilidade modernos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal