Xa está publicado o duodécimo número do Boletín de Software Libre para o sector Empresarial, correspondente a este mes de Maio. O proxecto destacado deste mes é WooCommerce, un software que é un engadido para WordPress que o completa con características de tenda electrónica.
No apartado de novas destacamos a publicación dun novo artigo tecnolóxico sobre os Sistemas de Información Xeográfica, o evento Open Expo Europe, varios obradoiros da iniciativa SmartPeme sobre WooCommerce e Prestashop, unha xornada sobre Docker no CNTG, a nova versión con longo soporte de Ubuntu e diversos eventos da comunidade galega de software libre.
Boletín Software Libre na Empresa
Este boletín xurde polo éxito e o interese que está a ter o boletín adicado a mostrar as solucións de software libre que se están a empregar en diferentes administracións públicas. No caso deste novo boletín, tanto os proxectos e ferramentas destacadas como os casos de éxito e as novas recompiladas están orientada ao sector empresarial galego, tratando de difundir casos de éxito de aplicacións de software libre que están sendo empregadas por outras empresas ou ferramentas e proxectos de software libre que poden resultar de interese para o tecido empresarial, tanto para uso propio como tamén como posible opción de xerar negocio a través del.
Ademais de recompilar diferentes novas sobre solucións con software libre, todos os meses destacarase un proxecto ou ferramenta de software libre, así como un caso de éxito de implantación da mesma por parte dunha empresa, tratando de dar a coñecer non só a solución como tal senón mostrando un exemplo de que está a ser empregado e solucionando unha necesidade que calquera outra empresa pode ter tamén.
