Dende onte toda a cidadanía galega ten á súa disposición un completo manual de introdución ao uso do sistema operativo libre Ubuntu 10.04 no seu propio idioma: “Comezar con Ubuntu. Manual de usuario versión 1.0” grazas a meses de adicación persoal e intenso traballo da comunidade galega de software libre, concretamente a:

- Francisco Diéguez – Tradución, revisión técnica e desenvolvemento web
- Enrique Estévez – Tradución e revisión técnica
- Antón Méixome – Tradución e revisión lingüística
- Miguel Anxo Bouzada – Tradución
- Denís Fernández – Deseño de capa
Este traballo contou co apoio do Concello de Dodro, a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Proxecto Trasno, ademais do patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
“Comezar con Ubuntu” é unha guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu. Está escrita cunha licenza de código aberto e é de balde para descargar, ler, modificar e compartir.
O manual, con máis de 160 páxinas, axudaralle a familiarizarse coas tarefas diarias: navegar pola Web, escoitar música ou escanear documentos. Poñendo énfase na sinxeleza ao seguir as instrucións, e é axeitado para todos os niveis de experiencia. As características máis salientables son:
- Fácil de entender – Comezar con Ubuntu ten instrucións paso a paso e en galego.
- Unha imaxe vale máis que mil palabras – dentro agárdanlle moreas de capturas de pantalla que mostran como facer as cousas
- Todo nun lugar – nun único libro en papel ou dixital, non ten que buscar na web para encontrar axuda
- Aprendizaxe progresiva – comece co básico e aprenda mentres practica en cada capítulo
- Resolución de problemas – cunha completa sección para axudarlle a resolver os problemas comúns en Ubuntu
- Licenza CC-BY-SA – pode descargar, modificar, reproducir e compartir tanto como queira namentres respecte a licenza orixinal.
Este manual é tradución ao galego, revisión técnica e de redacción do proxecto orixinal, Getting Started with Ubuntu 10.04, que consiste nun proxecto de código aberto, desenvolvido por voluntarios, para crear e manter documentación de calidade para Ubuntu e os seus derivados, de maneira que se contribúa a baixar a barreira de entrada de Linux para os novos usuarios.
O libro está dispoñible para a súa descarga dende a web Comezar con Ubuntu, guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu. Actualmente existe a posibilidade de descargalo nunha versión para ler en pantalla, outra versión para imprimir e unha versión de probas en formato ePub.
Fonte: Web do manual
