Xa está publicado o sexto número do Boletín de Software Libre para o sector Empresarial, correspondente a este mes de Novembro. O proxecto destacado deste mes é Prestashop, un sistema de xestión de contidos ou CMS, como son comunmente coñecidos polas súas siglas en Inglés, con licenza libre, especialmente adicado á creación de tendas de comercio electrónico.
No apartado de novas destacamos varios artigos que están sendo publicados durante estas últimas semanas adicados á ciberseguridade. Son varias series de artigos que teñen como obxectivo principal mostrar as diferentes alternativas en canto a ferramentas de ciberseguridade que nos ofrece hoxe en día o Software Libre.
Boletín Software Libre na Empresa
Este boletín xurde polo éxito e o interese que está a ter o boletín adicado a mostrar as solucións de software libre que se están a empregar en diferentes administracións públicas. No caso deste novo boletín, tanto os proxectos e ferramentas destacadas como os casos de éxito e as novas recompiladas están orientada ao sector empresarial galego, tratando de difundir casos de éxito de aplicacións de software libre que están sendo empregadas por outras empresas ou ferramentas e proxectos de software libre que poden resultar de interese para o tecido empresarial, tanto para uso propio como tamén como posible opción de xerar negocio a través del.
Ademais de recompilar diferentes novas sobre solucións con software libre, todos os meses destacarase un proxecto ou ferramenta de software libre, así como un caso de éxito de implantación da mesma por parte dunha empresa, tratando de dar a coñecer non só a solución como tal senón mostrando un exemplo de que está a ser empregado e solucionando unha necesidade que calquera outra empresa pode ter tamén.
