Mancomún

Publicado o sistema operativo MeeGo 1.0 para ultraportátiles

Xoves, 27 Maio 2010

Esta semana publicouse a primeira versión do proxecto MeeGo. Trátase dun sistema operativo lixeiro de fontes abertas, baseado en Linux, para dispositivos portátiles, como teléfonos, ultraportátiles, tablets … Xurdiu da integración nun único produto de Moblin (o sistema da Linux Foundation e Intel) e de Maemo (o sistema de Nokia). A idea do proxecto é servir de alternativa fronte aos sistemas operativos de Google para móbiles: Android e para outros dispositivos: Google Chrome OS.

Interface de MeeGo Esta versión MeeGo 1.0 do proxecto inclúe a liberación dunha versión para netbooks, que proporciona aos usuarios unha moi boa experiencia de uso e do núcleo da plataforma para os desenvolvedores que inclúe unha base estable para o desenvolvemento de aplicativos. A versión do sistema MeeGo para dispositivos móbiles e teléfonos postergouse a mes de xuño.

Segundo se pode ler no anuncio, teñen previsto manter un ciclo de publicacións semestral, polo que a seguinte versión 1.1 espérase para Outubro e para entón xa poderá empregarse tamén en dispositivos táctiles como teléfonos, tablets, sistemas de información de automóbiles e de entretemento…
Os desenvolvedores que queiran crear aplicativos para este sistema xa poden facelo grazas á API de desenvolvemento para MeeGo, que inclúe Qt 4.6, e o SDK cun contorno de desenvolvemento integrado así como outras ferramentas para o sistema operativo. Polo momento, céntrase soamente nos Netbooks aínda que a seguinte versión, prevista para xuño, tamén servirá para dispositivos táctiles.

Características do MeeGo Netbook v1.0

  • Experiencia visual moi boa, baseándose nas últimas tecnoloxías de código aberto.
  • Acceso instantáneo e sincronizado ao calendario, tarefas, citas, ficheiros usados recentemente e actualizacións de redes sociais en tempo real a través da pantalla de inicio.
  • Agregación do contido das redes sociais nunha única pantalla, facilitando deste xeito o proceso de interactuar cos amigos, actualizar o estado e a información nas distintas redes sociais.
  • Integración do navegador Google Chrome ou Chromium para os que prefiran a solución de código aberto. (Na futura versión para teléfonos incluirase o navegador Fennec de Mozilla).
  • Aplicativos sinxelos para o correo, o calendario e o reprodutor multimedia.
  • Xestión de enerxía e rendemento altamente optimizados.
  • Dispoñible en múltiples idiomas: xaponés, coreano, chino simplificado, chino tradicional, sueco, polaco, finlandés, italiano, portugués brasileiro, francés, alemán, español, ruso, neerlandés, Inglés e Inglés británico.

Pódense consultar todos os detalles da versión Netbook na web do proxecto.

Está dispoñible para descargar dende MeeGo v1.0 para Netbooks para ultraportátiles baseados en Intel Atom. É recomendable consultar a lista do hardware compatible así como as instrucións a seguir para a súa instalación.

Os desenvolvedores de MeeGo instan a que se lles envíen comentarios sobre o sistema empregando ou as listas de correo ou os foros e enviar os erros a través de http://bugs.meego.com . Segundo afirman están convencidos de que o mellor xeito de mellorar e achegarse ás necesidades reais dos usuarios é a través das súas achegas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal