Mancomún

Publicado o sistema operativo ReactOS 0.3.11

Xoves, 17 Decembro 2009

Onte publicouse a versión 0.3.11 de ReactOS, o sistema operativo de código aberto que pretende converterse nun substituto libre de Microsoft Windows. O obxectivo do proxecto é ofrecer un sistema operativo compatíbel 100% a nivel binario con Windows NT. Isto permitirá que tanto os aplicativos coma os controladores de dispositivos escritos para funcionaren en Windows funcionarían tamén neste sistema operativo.

ReactOSEste lanzamento veuse atrasado bastante tempo debido a certos “bugs” que se manifestaban cada vez que o equipo de desenvolvemento trataba de facer o lanzamento. Investiuse moito tempo tratando de solucionar eses bugs, e tomáronse certas medidas para asegurar que este problema non ocorrería de novo.

Os maiores cambios nesta versión están relacionados coa xestión da memoria e o sistema de son. Como se pode ler na nota do lanzamento, é difícil resumir todos os cambios que tiveron lugar no sistema de xestión da memoria, pois esta nova versión constituíu practicamente unha reescritura total do código. Con isto conseguiuse un compoñente moito máis estábel e fiábel, que ademais agora é compatíbel con procesadores ARM.
En todo o sistema operativo continuáronse a facer melloras e cambios para asegurar a compatibilidade e a estabilidade. Nesta versión 0.3.11, e a modo de homenaxe aos tempos do “Microsoft Windows 3.11 para o traballo en grupo”, o equipo de desenvolvemento incluíu un "ovo de pascua". Seguro que os máis veteranos non teñen dificultades en atopalo.

A continuación, vemos un resumo dos cambios que experimentou esta nova versión de ReactOS:

  • Unha reescritura da biblioteca kdcom, que agora é moito máis compatíbel coa versión de Microsoft.
  • Engadiuse compatibilidade con dll de carga atrasada, que fornece a funcionalidade de carga atrasada para as bibliotecas incluídas en ReactOS
  • Engadiuse compatibilidade con tipografías chinesas e coreanas.
  • Escribiuse un novo manexador para obter e configurar parámetros a nivel de sistema, facéndoo máis completo e compatíbel coa implementación de Windows.
  • Houbo un conxunto de melloras na compatibilidade con certos aplicativos, como Opera, OpenOffice.org, Firefox3.5 …
  • Engadiuse un novo aplicativo: o solitario Spider

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal