Foi lanzada a versión QGIS 3.10 “A Coruña”.
A Coruña foi a sede da última reunión de desenvolvedores e conferencia de usuarios en marzo de 2019, por iso esta nova versión leva o alcume de “A Coruña”.

QGIS
Unha parte importante da información que recollemos habitualmente é susceptible de representarse e analizarse espacialmente (direccións, coordenadas, localizacións, …)

Os GIS (Geographical Information System) son ferramentas que permiten aos usuarios analizar a información espacial, crear consultas interactivas, editar datos, mapas e presentar resultados de todas estas operacións.
QGIS é o Sistema de Información Xeográfica, libre, multiplataforma e de código aberto, de referencia.
Estes sistemas empréganse en diversos ámbitos, como poden ser: a ordenación do territorio e urbanismo, xestión de recursos, loxística, transporte, desenvolvemento sostible…

As principais funcionalidades de QGIS son:
• Visualización de datos tanto vectoriais como imaxes.
• Creación, edición e xestión de datos con diversas ferramentas.
• Publicación de mapas seguindo os estándares OGC.
• Extensible mediante plugins.
• Consola de Python con posibilidade de automatización de tarefas mediante scripts.
QGIS é unha aplicación multiplataforma, traducida tanto ao galego coma ao castelán que está baseada nas bibliotecas QT e con licenza GPL.
Artigo de Mancomún onde se profundiza en QGIS.
Encontro de usuario e desenvolvedores de QGIS na Coruña
A Conferencia Internacional de Usuarios e Desenvolvedores de QGIS tivo lugar en marzo pasado na cidade da Coruña.
É o acontecemento de referencia e punto de encontro da comunidade arredor do proxecto QGIS que involucrou tanto aos usuarios do mesmo coma a toda persoa colaboradora (incluídas as desenvolvedoras).
Foi organizado pola asociación española de QGIS, a comunidade galega Xeoinquedos e contou coa axuda do Concello da Coruña así como da Escola de Camiños da Universidade da Coruña.
Tedes máis información nesta nova de Mancomún.
