- Un 44,7% das empresas informáticas galegas ofertan produtos de software libre, cun aumento de máis de 20 puntos porcentuais no último ano.
- O 64,6% dos concellos galegos de máis de 5.000 habitantes dispón de software libre, duplicando a cifra de 2006.
- O software libre xa está presente no 69,3% das empresas informáticas galegas e no 64,6% dos concellos de máis de 5.000 habitantes de Galiza.
O Observatorio Galego da Sociedade da Información publica hoxe os informes de resultados da “Enquisa sobre o Software Libre nas Empresas Informáticas de Galiza” e da “Enquisa sobre o Software Libre nos Concellos de Galiza”, correspondentes ao ano 2008.
Estes informes, xunto cos publicados hai pouco máis dunha semana, completan o estudo que analiza o grao de implantación do software libre en catro ámbitos estratéxicos: concellos, empresas informáticas, centros de ensino e pequenas e medianas empresas.
Este traballo dá continuidade ás enquisas e informes realizados polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, nos anos 2006 e 2007. Deste xeito establécese un marco comparativo que permite estudar a evolución experimentada nos tres últimos anos, medindo o impacto das iniciativas desenvolvidas para a promoción do software libre.
O traballo de campo destes dous estudos, desenvolvido en setembro e outubro de 2008, contou coa realización dunha enquisa telefónica a 225 empresas informáticas galegas de menos de 50 empregados/as e a 100 concellos de máis de 5.000 habitantes.
A presenza do software libre nas empresas informáticas galegas experimentou unha evolución moi positiva durante o período comprendido entre 2006 e 2008. A porcentaxe de empresas informáticas que dispoñen de software libre pasou do 57,9% en 2006 ao 69,3% no ano 2008. O software libre rexistra unha maior implantación nas empresas informáticas de entre 10 e 49 empregados/as (76,5%) mentres nas empresas que teñen de 0 a 2 traballadores/as sitúase no 70,7% e nas de 3 a 9 empregados/as no 66%.
O software libre segue a ter maior presenza nos ordenadores que nos servidores das empresas informáticas e a súa implantación realízase en maior medida a través dos aplicativos de usuario.
Este novo estudo confirma as percepcións positivas sobre o uso do software libre e abre un abano de expectativas favorábeis cara a extensión do uso do software libre noutras empresas. Así, o nivel de satisfacción polo uso do software libre acada unha puntuación de 8,1, nunha escala de 0 a 10 e a gran maioría das empresas informáticas (88,2%) que usan software libre recomendaría o seu uso a outras empresas.
Un dos indicadores que mostran a importancia que as empresas informáticas conceden ao software libre é o aumento da formación neste tipo de software. Así, se en 2007 o 18,5% das empresas informáticas facilitaban formación en software libre ao persoal encargado das actividades informáticas, esta porcentaxe acada o 28,5% en 2008.
A enquisa analiza polo miúdo a oferta das empresas informáticas galegas como provedoras de solucións en software libre. Algo máis de catro de cada dez empresas informáticas ofrecen produtos de software libre (44,7%), o que supón unha mellora notábel con respecto a 2007 (24,5%). Os produtos de software libre máis ofertados son os relacionados coa ofimática, a xestión de contidos web, navegador de Internet e xestor de correo electrónico.
O custo segue a ser o aspecto máis valorado polos clientes dos produtos de software libre, así o apuntan o 70,9% das empresas. Con menor nivel de aceptación apúntanse outras motivacións, como a personalización (21,5%) e a súa calidade e prestacións técnicas (14%).
Un 20,9% das empresas informáticas que non venden produtos de software libre afirman que os incorporarán á súa oferta empresarial nun futuro próximo e un 45,3% cren que obterían beneficios se ofertaran software libre. Ademais, case tres de cada catro empresas informáticas consultadas consideran que a presenza do software libre aumentará nos próximos anos.
A inadecuación á liña de negocio da empresa e a falta de demanda por parte dos clientes son os principais motivos polos cales as empresas informáticas non ofertan produtos de software libre.
As principais características que conforman a visión do software libre que teñen as empresas informáticas son as relativas á redución do prezo do software, ao cumprimento da legalidade no tema das licenzas, á introdución de cambios no mercado e no funcionamento das empresas, e á desconfianza sobre a súa orixe ou sostibilidade. O descoñecemento dos clientes sobre as súas potencialidades e funcionamento é a principal barreira de entrada que detectan as empresas informáticas para unha maior implantación do software libre.
Principais resultados da “Enquisa sobre Software Libre nos Concellos de Galiza 2008”
O uso do software libre aumentou considerablemente nos concellos galegos de máis de 5.000 habitantes nos tres últimos anos. Na actualidade, o 64,6% dos concellos teñen implantado software libre nos seus equipos informáticos, incrementando a súa presenza en máis de 15 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior e duplicando a porcentaxe acadada en 2006. Este aumento prodúcese, sobre todo, nos concellos que teñen entre 5.000 e 20.000 habitantes, onde a porcentaxe pasa do 42,9% de 2007 ao 61,7% de 2008. A presenza de software libre nos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes sitúase no 66,7% e nos concellos con máis de 50.000 habitantes xa está xeneralizada a súa implantación.
Nos ordenadores de usuario segue a haber unha maior presenza de aplicativos en software libre que de sistemas operativos, 53,5% fronte ao 24,8%. En cambio, nos servidores tenden a equilibrarse a implantación dos sistemas operativos libres (38,9%) e dos aplicativos informáticas (37%). A implantación do software libre
realízaa principalmente o persoal propio do concello (79,5%) a través de descargas ou compras vía web.
O uso do idioma galego nas aplicacións informáticas dos concellos aumentou progresivamente no período 2006-2008, pasando dun 57% a un 73,7%.
Os concellos de máis de 5.000 habitantes seguen a estar satisfeitos polo uso do software libre. A puntuación que lle outorgan os concellos usuarios (7,5) segue a ser máis alta que a recibida polo software propietario (6,7). Esta valoración positiva é complementada cunha boa percepción sobre o uso futuro do software libre nos ordenadores por parte dos concellos: un 68,9% opina que aumentará nos próximos anos e un 81,6% dos que usan software libre recomendarían o seu uso a outros concellos.
O 39,1% dos concellos que non usan software libre teñen previsto instalalo nun futuro e a grande maioría decántase polo seu uso inicial nos ordenadores de usuario. O descoñecemento ou falta de información, a complexidade do cambio, a falta de formación ou a incompatibilidade co sistema actual son algunhas das razóns manifestadas polos concellos para non usar o software libre.
No último ano aumentou a formación en software libre facilitada polos concellos galegos. Deste xeito, un 20% dos concellos proporcionaron en 2008 este tipo de formación ao persoal usuario, ascendendo ata un 30% a proporción de concellos que facilitaron formación en software libre ás persoas encargadas das actividades informáticas.
Case a totalidade dos concellos de máis de 5.000 habitantes teñen páxina web e permiten a descarga de documentos a través dela. Ademais, a maior parte dos documentos (86,3%) edítanse en estándares abertos. O 94,2% dos concellos ofrecen aos seus cidadáns puntos de acceso público á Internet e nestes ordenadores predominan os aplicativos de software propietario, se ben tende a aumentar a presenza dos de software libre, pasando dun 33,6% en 2007 a un 49,2% en 2008.
Máis da metade dos concellos teñen participado en actividades de promoción das TIC, sendo máis intensa a participación entre os concellos de maior número de habitantes. Un terzo das actividades (32,4%) desenvolvéronse no eido do software libre, ampliando a porcentaxe de referencia de 2007 (24%).


