Mancomún

Publícase o plan de solftware libre 2016 coa colaboración dos principais axentes do sector

Xoves, 5 Maio 2016
  • A Axencia vén de asinar coas asociacións de empresas e usuarios de software libre e coas universidades os convenios para o desenvolvemento dunha trintena das accións do Plan
  • No eido da Administración, a Amtega continuará coa migración do posto do empregado público ao paquete ofimático de Libre Office, que chegará a un total de 4.000 equipos no 2016
  • O Centro Demostrador TIC virtual de solucións libres incorporará dúas novas solucións para as pemes, Prestahop e Alfresco
  • As Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e AGASOL celebrarán novas xornadas abertas ao público para fomentar o uso e desenvolvemento de software libre na Comunidade

O Plan de Software Libre 2016, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) contará un ano máis coa achega dos axentes do software libre da Comunidade, tras asinar novos convenios de colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); con catro Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), Ghandalf, GPUL, Asociación Cultural Proxecto Trasno e XeoPesca; e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.

Os acordos asinados, cunha dotación conxunta de 125.000 euros, permitirán a realización dunhas 30 actuacións, que inclúen a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación en Software Libre nas Universidades.

Colaboración con AGASOL

AGASOL organizará unha xornada de colaboración empresarial e software libre, co obxectivo de xerar encontros entre empresas do sector tecnolóxico e o software libre e outros sectores como a agricultura, ciencia, cultura, etc. Ademais, achegará a súa experiencia para o apoio ao proceso de migración a software libre do posto de traballo do empregado público e para a titorización respecto á certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) para a cidadanía.

Actuacións das AGULS

As 4 asociacións asinantes do acordo desenvolverán preto de 20 actuacións entre as que cómprre destacar a colaboración de Ghandalf na organización da Open Source Hardware Demonstratrion (OSHWDEM) ou o seu proxecto piloto de investigación de emprego de Drons para mapeo sobre OpenStreetMap.

Pola súa parte entre as actividades da asociación Trasno está a celebración de novas edicións das súas Trasnadas, xornadas para o debate terminolóxico, ou o proxecto de tradución da aplicación civiCRM dirixida a entidades do terceiro sector. No caso de GPUL salientar a celebración dos GPUL Labs, serie de obradoiros e sesións co obxectivo de crear unha comunidade activa de desenvolvedores de software libre en Galicia.

Finalmente, Xeopesca centrarase en difundir e mellorar a aplicación Xeopesca para o sector pesqueiro, así como en continuar coa súa investigación e difusión do uso de hardware libre neste sector.

Colaboración coas Universidades

O CIXUG manterá un ano máis as súas actividades de formación en tecnoloxías libres á comunidade universitaria así como soporte aos técnicos no uso destas solucións e coa tradución ao galego de software de interese no ámbito universitario.

Estes acordos súmanse aos asinados recentemente pola a Amtega e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática (CPEIG e CPETIG) que tamén incorporaban algunhas accións en prol do fomento do Software Libre.

Plan de Software Libre 2016

O Plan de Acción en Software Libre 2016, do que forman parte as anteriores actuacións, recolle un total de 100 actuacións a desenvolver durante o presente ano, co obxectivo de promover a reutilización de software na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Na Administración

A Amtega continuará liderando o proceso de migración progresiva dos postos de traballo cara ao paquete ofimático LibreOffice, co obxectivo de acadar un mínimo de 4.000 postos migrados a finais de ano. Ademais, seguirase promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración como o Arquivo Electrónico Administrativo (ARPAD), o nodo de interoperabilidade das administracións públicas galegas (PasaXe), , o proxecto Abalar, a migración do sistema de xestión bibliotecaria, etc. Así mesmo, liberaranse dous novos proxectos desenvolvidos pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.

Na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Un ano máis será o Centro Demostrador TIC o elemento vertebrador destas iniciativas. Ademais, ,está previsto incorporar dúas novas solucións libres ao CDTIC Virtual, como son a solución de comercio electrónico Prestashop e o sistema de xestión documental Alfresco.

Para a cidadanía

Finalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.

Convocarase o IX edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e tamén coa participación da Asociación GPUL.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal