Mancomún

Recoñecementos e certificacións para a experiencia das empresas FLOSS galegas

Xoves, 24 Marzo 2011

Logo de AGASOLNos últimos meses tivemos novas sobre o recoñecemento da experiencia e o bo facer de tres empresas galegas pertencentes a AGASOL: Queres Tecnoloxías, Redegal e Pexego.

Pexego vén de obter a certificación CMMI nivel 2 logo de dous anos embarcada nun proceso para institucionalizar, mellorar e madurar as que deben ser unhas boas prácticas en relación ao desenvolvemento do software. Este grao de Madurez achega unha referencia na xestión de proxectos de software a fin de mellorar a súa adecuación ás necesidades dos clientes e a mellora nos prazos, custo e calidade do proxecto, que sen dúbida suporá unha mellora evidente nos servizos que se prestan aos clientes.

No que respecta a Queres Tecnoloxías e Redegal, ambas informan que son partners oficiais de plataformas de xestión documental con licenza libre, Alfresco e OpenKM respectivamente.
Redegal é partnert oficial de OpenKM

No caso de Redegal, dende o pasado mes de febreiro, é partner oficial de OpenKM para Galicia. OpenKM é unha solución para a Xestión Documental que pode empregarse tanto en grandes empresas como en pemes. A Xestión Documental significa o control sobre os documentos e ficheiros cos que traballo unha empresa, permite a recuperación rápida dos contidos, categorización dos ficheiros con metadatos, control do acceso e xestión de permisos de acceso e edición, historial de cambios, … OpenKM é un sistema con interface web que permite aos seus usuarios realizar todas estas operacións dun xeito simple: compartir, establecer a seguranza, auditar, así como localizar documentos. OpenKM distribúese con licenza GPL e está dispoñible para a súa descarga por calquera. Pero para aquelas empresas ou institucións que desexen contratar os servizos de asistencia profesional avalados polos desenvolvedores do produto, existe unha rede de partner certificados formada por aquelas empresas que están capacitadas nos aspectos críticos do funcionamento de OpenKM, dende prover un servizo de asistencia ata a participación activa en proxectos de desenvolvemento relacionados co produto.

Queres tecnoloxías é Partner Recoñecido de Alfresco

Alfresco recentemente lanzou o seu programa de Partners recoñecidos. Segundo explican na súa web para converterse en Partner Recoñecido por Alfresco, a empresa precisa demostrar o seu profundo coñecemento dos produtos de Alfresco e ter no seu equipo de traballo un número determinado de Desenvolvedores Recoñecidos por Alfresco que teñan superado con éxito o exame de Desenvolvedores Recoñecidos. Pois Queres Tecnoloxías, que vén traballando como partner de Alfresco dende o ano 2006, informa que todos os seus enxeñeiros superaron con éxito este exame o que proporciona a empresa o grao de Recognized Alfresco Partner, froito sen dúbida de todos estes anos de adicación á xestión documental Open Source e ao desenvolvemento de solucións a problemas relacionados cos fluxos documentais.

Alfresco é unha solución completa para a Xestión Documental que ofrece tamén solución para a xestión de contidos empresariais, traballo Colaborativo, xestión de rexistros, xestión do coñecemento, Xestión de contidos Web e xestión de imaxes.

Alfresco conta cun sistema de licenciamento dual, existindo unha versión Community distribuída con licenza GPL que ten unha compilación diaria que ofrece a funcionalidade punteira máis recente. Serve como vehículo de investigación de laboratorio das novas características e como plataforma para a comunidade Alfresco. É un produto polo tanto sen garantía de calidade, nin de compatibilidade con sistemas, nin probas de escalabilidade … traballo que recae sobre o equipo que o implante. Por outro lado está a versión Entreprise, que é un produto de código aberto con compilación certificada e con servizo de asistencia por Alfresco Software Inc. e polos seus partners sobre o que é posible contratar distintos Acordos de Nivel de Servizo.

Existen máis solucións libres para a Xestión Documental así como para outras necesidades das empresas ou institucións galegas, como se pode comprobar botando unha ollada ao recentemente publicado Catálogo de produtos e servizos FLOSS das empresas galegas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal