Mancomún

Red.es e Sun Microsystems asinan un acordo para avaliar o impacto do uso de software libre

Venres, 20 Febreiro 2009
O uso de aplicativos de código aberto pode permitir ás PEMES aforrar custos de até un 75%
 
A empresa Sun Microsystems estima que a utilización de software de fontes abertas xerará aforro de custos de até un 75%, así como novas vías de negocio ligadas á aŕea de servizos informáticos. Son as primeiras conclusións dos proxectos pilotos postos en marcha pola empresa pública Red.es e a firma norteamericana en virtude do acordo asinado para avaliar o uso de software de fontes abertas e os postos de traballo ecoeficientes.

O convenio, asinado recentemente, consiste na execución de dous proxectos pilotos en Red.es. O primeiro suporá a adopción de software de código aberto por parte dun equipo de persoas da entidade pública no seu traballo diario. A idea centrarase en acadar a redución de custos, sen perder por iso ningún tipo de prestación nin de calidade. Asemade, búscase, segundo explica o informe de Sun, permitir ao sector TIC español xerar novas vías de negocio.

 

O segundo proxecto consistirá na implantación de terminais de posto de traballo ultralixeiros “Sun Ray”. Segundo o vicepresidente de Sun, Alain Andreoli, “estes dispositivos de traballo en rede garanten un contorno de traballo libre de virus e de alta seguridade, sen necesidade de realizar actualizacións de software, grandes investimentos nin cambios nos postos de traballo, achegando ademais un aforro de consumo enerxético de até o 65 por cento fronte a un PC”. O control do acceso das persoas usuarias aos terminais farase mediante o uso do DNI electrónico. Sun Microsystems facilitará estes terminais e ofrecerá o apoio necesario para a súa posta en marcha.

O director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, asegurou que “proxectos como estes demostran a importancia da colaboración entre o sector público e privado para o desenvolvemento da Sociedade da Información e para a análise das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías a todos os sectores de actividade. Ademais pon de manifesto o importante papel que exerce a industria TIC na creación dun modelo económico sustentábel”.

Fonte: Red.es

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal