Desde Mancomún anunciamos a dispoñibilidade dun guionizador ou recurso para a división de palabras ao final de liña para o idioma galego. O recurso consiste nun ficheiro que contén un conxunto de regras que especifica como teñen que separarse as sílabas en galego. Este ficheiro serve para calquera editor de texto que empregue as regras de guionización de TeX.
Asemade, tamén publicamos unha extensión que posibilita a instalación deste guionizador no OpenOffice.org (versión 3 ou superior). Actualmente estamos traballando para adaptalo ás versións anteriores do OpenOffice.org.
Esta é unha primeira versión do guionizador, polo que pode conter erros ou limitacións. No caso de atopar calquera palabra que o guionizador separe de xeito incorrecto, rogamos nola notifiquedes, ben na páxina do proxecto na Forxa de Mancomún (sección Foros) ou ben a través do correo electrónico mancomun@mancomun.org
O ficheiro de regras está xerado a partir do traballo sobre unha selección de case 5000 palabras galegas guionizadas e procesadas a través da ferramenta patgen.
Na páxina de descargas do proxecto poderedes atopar tamén diversos ficheiros usados para a creación do guionizador e tamén documentación sobre el.
Hai dúas maneiras para activar a funcionalidade de guionización no OpenOffice.org…
- Automaticamente: para iso, hai que seleccionar o texto ou parágrafo que queiramos guionizar, premer no menú “Formato”, opción “Parágrafo”.
Ao premer, aparece a xanela de opcións de parágrafo. Teremos que premer no separador de “Fluxo de texto” e marcar a opción de de guionización “Automaticamente”.
- De xeito manual: desde o menú “Ferramentas”, submenú “Idioma” e opción “Guionización…”

Entón poderemos manualmente indicar, de todas as opcións posiíbeis, a separación silábica ao final de liña de cada unha das palabras.
Cómpre indicar que o OpenOffice.org ten uns parámetros predeterminados que impiden por exemplo:
- a división de palabras de menos de 4 letras
- a división da palabra se, ao final de liña, quedan 2 ou menos caracteres
- a división da palabra se, ao comezo da seguinte liña, quedan 2 ou menos caracteres.
Algúns destes parámetros poden configurarse a través do menú “Ferramentas”->”Opcións”, na opción “Configuración de idioma”->”Recursos ortográficos”.




