O goberno de Reino Unido vén de facer o anuncio oficial polo que se establece que o Formato de Documento Aberto (ODF) é o estándar de uso obrigado para todos os seus documentos electrónicos editables, non só nos postos a disposición da cidadanía, senón naqueles de uso interno. 
A principios de ano, comentabamos que o goberno inglés viña de abrir a consulta pública unha proposta para escoller os estándares a empregar para traballar con documentos editables e visualizables. Unha vez rematado o proceso de consulta pública, onde se tiveron en conta máis de 500 comentarios e se falou directamente cos usuarios, finalmente, onte, Francis Maude, Ministro do Gabinete de Presidencia anunciaba que foi aprobado o uso dos seguintes estándares:
- Open Document Format (ODF) para documentos do goberno que sexa preciso compartir ou traballar colaborativamente.
- PDF/A ou HTML5 para documentos visualizables, que non precisen de edición.
É dicir, os departamentos do goberno inglés poderán traballar con calquera ferramenta ofimática que sexa totalmente compatible cos estándares ODF 1.2 e PDF/A-1 e PDF/A-2. Isto supón unha moi boa nova a prol dos estándares abertos e a interoperabilidade, dado que aquelas suites ofimáticas que aínda non teñan unha compatibilidade total con estes estándares veranse presionadas para traballar en mellorar a interoperibilidade se queren acceder a contratacións públicas no goberno inglés, o que redundará nun beneficio para todos.
Os novos estándares, que se empregarán en todos os organismos do goberno, comezarán a ter efecto inmediatamente en todos as novas contratacións suxeitas aso Principios dos Estándares Abertos. O Servizo de goberno dixital traballará con todos os departamentos para guías e plans de implementación.
Unha vez que todos os departamentos os teñan adoptado garantirase que:
- a cidadanía, as empresas e calquera outra organización que se teña que relacionar co goberno inglés non precisará software especializado para abrir ou traballar cos documentos do goberno.
- os empregados do goberno poderán compartir e traballar con documentos no mesmo formato, reducindo os problemas debidos a cambios de formato e de ferramentas.
- as organizacións gobernamentais poderán escoller as aplicacións que mellor se adapten ás súas necesidades e coa mellor relación custe – beneficio, sabendo que os seus documentos funcionarán ben tanto interna como externamente ao goberno.
En palabras de Francis Maude: “O noso plan a longo prazo para unha economía máis forte é contribuír ao crecemento das empresas de UK. Temos escoitado a aqueles que nos dixeron que os estándares abertos reducen os seus custes e lles fai máis doado traballar co goberno. Este é un paso importante na nosa axeda dixital contribuíndo a aforrar á cidadanía, empresas e contribuíntes a aforrar 1.2 billóns de libras.”
Mike Bracken, Director executivo do Servizo de Goberno Dixital dixo: “Tivemos unha gran resposta a esta proposta, dende a comunidade de estándares e do público en xeral. Quero agradecer a todos os que se tomaron o tempo de enviar os seus comentarios. O seu feedback aclarou a enorme importancia de escoller o xeito correcto de publicar os nosos documentos. O uso de estándares abertos significará que as persoas non terán custes impostos só para ver ou traballar coa información do goberno. É un gran paso adiante que estou moi satisfeito de que estamos tomando.”
