Mancomún

Remata o prazo de inscrición de varios cursos de tecnoloxías libres do CNTG

Venres, 8 Abril 2016

Logo do CNTGO vindeiro luns 11 de abril remata o prazo de inscrición para varios dos cursos de tecnoloxías libres ou metodoloxías de programación ofertados polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), que xa vos anunciamos no mes de xaneiro.

Concretamente finaliza o prazo para se inscribir nos seguintes cursos:

  • Seguridade baseada en software libre. Configuración de servizos e sistemas
  • Desenvolvedor big data para Apache Spark con Cloudera
  • Certified Scrum Developer de Scrum Alliance

A inscrición estará aberta ate o luns 11 de Abril e as probas de selección terán lugar o luns 18 de abril no salón de actos do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, ás que se aplicarán os criterios de selección habituais.
As temáticas dos cursos van dirixidas aos diversos perfís profesionais do sector TIC: xestión e dirección de proxectos, infraestruturas, redes de comunicacións, sistemas e desenvolvemento e programación.

Todos estes cursos teñen un marcado compoñente Open Source posto que están desenvolvidos sobre ferramentas de código aberto, estándares de desenvolvemento colaborativo pero tamén están enfocados ao eido empresarial onde o coñecemento e dominio destas tecnoloxías significa un factor relevante na competitividade das empresas do sector TIC.

Para máis información ou para se inscribir nos cursos é preciso acceder ao curso do seu interese a través da seccion de formación do portal do CNTG

Configuración de servizos de seguridade con tecnoloxía baseada en sw libre

16 prazas dispoñibles. Impartirase do 09 de maio ao 06 de xuño de 9:30 a 13:30 horas.

O obxectivo desta acción formativa consiste en achegar ao alumnado a información ás principais ameazas e vulnerabilidades de seguridade existentes na actualidade para unha organización dándolles a formación necesaria para a implementación dos sistemas e servizos de seguridade a aplicar para minimizar os riscos. Asemade os/as asistentes adquirirán os coñecementos e as habilidades técnicas necesarias para implantar un servidor “proxy”, un “firewall” e un sistema de prevención de intrusos (IPS) nunha rede corporativa.

Big Data. Cloudera para Apache Spark

20 prazas dispoñibles. Impartirase do 27 de arbil ata o 13 de maio de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas.

O obxectivo é proporcionar aos/ás asistentes os coñecementos e habilidades necesarias para facer uso do shell de Spark para a análise interactiva de datos, aprender as características de conxuntos de datos distribuídos elásticos de Spark, saber como Spark se executa nun cluster, coñecer a programación en paralelo con Spark, poder crear aplicacións Spark e aprender cal é o fluxo de datos de procesamento.

Certified Scrum Developer de Scrum Alliance

20 prazas dispoñibles. Do 02 ao 13 de maio de 16:30 a 21:00 horas.

O obxectivo desta acción será acadar que os asistentes entendan os valores e principios que caracterizan a Scrum así como os seus compoñentes principais (roles, reunións e artefactos); dar a coñecer o concepto de axilidade en xestión de proxectos e mellora continua e presentar o fluxo de proceso Scrum. Aprender a desenvolver produtos software aplicando as técnicas e boas prácticas áxiles de enxeñería de software (TDD, refactorización e integración continua); coñecer as ferramentas que facilitan o control de calidade do produto e obter pautas de arquitectura e deseño que poñan énfase en incrementar a facilidade de testeo e a capacidade de refactorización do código. Coñecer as técnicas áxiles de estimación de tamaños e medición de esforzo así como o proceso de mellora continua do proceso de estimación en desenvolvementos iterativos Scrum; aprender como desenvolver técnicas de estimación e como e cando se debe reestimar e coñecer as pautas e recomendacións necesarias para a planificación de spints e releases. Introducir técnicas de xestión visual do proceso Scrum mediante taboleiros de tarefas (Kanban aplicado a Scrum).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal