Mancomún

Remata o prazo de inscrición dos cursos de Ubuntu e Boas prácticas da USC

Martes, 5 Xullo 2011

Este venres 8 de xullo remata o prazo de inscrición para algúns dos cursos que a OSL da USC organiza na Universidade de Verán e que son de especial interese para os docentes, particularmente para os centros da rede ABALAR.

En concreto trátase dos cursos Traballo diario con Ubuntu e Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas FLOSS.

Ambos cursos foron recoñecidos como cursos de formación permanente para o profesorado non universitario.

O curso Traballo diario con Ubuntu impartirase do 18 ao 22 de xullo de 16:30 a 20:30. O obxectivo do curso é introducir aos participantes de xeito metódico e exhaustivo nos detalles do funcionamento do GNU/Linux dende o punto de vista do usuario medio, como contraposición aos usuarios avanzados.
Búscase amosar que o GNU/Linux está "listo para o escritorio", derrubando o mito de que se trata de un sistema soamente para usuarios con coñecementos avanzados de informática. Porase énfase en que os participantes rematen o curso cos coñecementos necesarios para poder facer con Software Libre as mesmas tarefas que veñen realizando habitualmente noutras plataformas, para deste xeito axudar a aqueles que se atopen en proceso de migración.

O curso Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas FLOSS impartirase os sábados, 23 e 30 de xullo, e o 6 de agosto de 9:00 a 14:00 horas. Durante os tres días das xornadas veranse dende aspectos puramente técnicos para tirar bo proveito dos interesantes recursos e ferramentas libres que existen hoxe en día a dispoñibilidade de todos os usuarios para a comunicación por Internet, ata consellos chave para unha boa sociabilidade coa nosa intimidade protexida e prestando atención á seguridade. En resume, este curso é un bo repaso a todas esas boas prácticas que sempre lembramos tarde de mais.

Ademais destes dous cursos, tamén foi recoñecido como curso de formación permanente para o profesorado non universitario o curso localización de aplicativos ao galego: aprende traducindo.

Neste caso o prazo de inscrición non remata ata 26 de agosto xa que o curso terá lugar entre o 5 e o 8 de setembro de 16:30 a 20:30 horas.

É un curso recomendable para todas aquelas persoas con coñecementos de informática a nivel usuario, aínda que sexan básicos, e que teñan o galego como a súa lingua habitual, xa que poderían axudar á comunidade de localización na tradución de software libre ao galego. Por exemplo pode ser un curso especialmente interesante para docentes de lingua galega e xeito que aprendan o xeito de colaborar coa comunidade de tradución de software libre, e que poidan empregar despois nas súas clases como ferramenta de integración das TICs na aula, fomentando o interese do alumnado no galego a través de exercicios de tradución de aplicativos ao galego.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal