Mancomún

Remata o prazo para participar no IV Premio ao mellor PFC con Software Libre

Xoves, 28 Outubro 2010

O vindeiro día 31 de outubro remata o prazo para inscribirse no Premio ao mellor PFC con Software Libre organizado pola empresa Igalia.

Premio ao mellor proxecto fin de carreira con software libre

Este premio busca fomentar o achegamento dos universitarios galegos ao software libre incrementando o seu coñecemento e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

No inmediato, outorga un premio de 1000€ ao proxecto gañador, habendo a posibilidade de conceder un accésit de 500€, se a calidade dos proxectos presentados o merece. Calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2009/2010, ben sexa ordinaria ou extraordinaria pode presentarse ao premio, sempre que o seu proxecto cumpra as seguintes condicións:

  • debeu ser realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e
  • o software desenvolvido durante o PFC debe ter unha licencia libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.

Para inscribirse no premio tan só é preciso cubrir o formulario de inscripción, dar de alta o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ó mellor PFC con Software Libre > 2010”, darse de alta na lista de correo do premio e entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e da actividade pública do proxecto antes do 31 de outubro.

Criterios de selección

Os criterios fundamentais para a elección do gañador son a calidade técnica do proxecto e o seu nivel de actividade pública. A calidade na implementación e o deseño son aspectos importantes á hora da avaliación, mais o xurado terá en conta fundamentalmente os aspectos específicos relacionados cos desenvolvementos de software libre: o tipo de licencia escollida para o proxecto e por que, se utilizou medios públicos para o seu desenvolvemento (forxa, listas de correo, etc), se ten relacións con outros proxectos ou participa dalgún modo noutras comunidades, etc, é dicir que o desenvolvemento do proxecto realizouse acorde ás dinámicas da comunidade de software libre.

O Premio entregarase na Facultade de Informática de A Coruña, durante a terceira semana de novembro de 2010. Os finalistas do premio terán que realizar unha presentación do PFC ante o xurado resaltando principalmente os aspectos relacionados cos criterios anteriores.

Entidades colaboradoras no premio

O Premio ao mellor proxecto de fin de carreira en software libre é organizado pola empresa Igalia e conta dende a súa primeira edición coa colaboración das 3 universidades galegas e da Xunta de Galicia que colaboran na difusión do proxecto e formarán parte do xurado xunto cos representante de Igalia. A Xunta de Galicia ademais colabora fornecendo a través do portal mancomun.org o servizo da Forxa como ferramenta para o desenvolvemento colaborativo dos proxectos e a lista de correo para a xestión do premio.

Por primeira vez conta tamén coa colaboración de CENATIC a través da concesión dunha axuda económica para a súa realización.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal