Con Remuco, pódese controlar remotamente o teu reprodutor favorito (a lista de programas compatíbeis é ben extensa). Podes cambiar á seguinte pista, anterior, navegar pola lista de reprodución, axustar o volume, e moito máis. Mentres tanto, no teu teléfono mostrarase información sobre a pista actual, incluíndo cousas como as portadas dos discos, información sobre os artistas…
Na páxina de características deste programa pódese ver unha lista de reprodutores compatíbeis e das respectivas características que ofrece este aplicativo para cada un deles. A lista de reprodutores compatíbeis inclúe Amarok, Audacious, Banshee, Exaile, MPD, Rhythmbox, Totem, Vlc, TVTime e XMMS2.
Por exemplo, para Amarok, un dos reprodutores multimedia máis coñecidos de entre os reprodutores libres, estas características inclúen:
Posibilidades de control dende o cliente: reproducir/pausar, seguinte/anterior pista, axustar o volume, adiantar ou atrasar a pista actual, puntuar a pista actual, intercambiar o modo de repetición, intercambiar o modo aleatorio.- Información mostrada no cliente: Estado de reprodución, nivel de volume, progreso da reprodución, imaxe artística relacionada coa pista actual, artista, álbum, título, etc, da pista actual, puntuación, modo de repetición, modo aleatorio.
- Posibilidades de navegación dispoñíbeis no cliente: navegar pola lista de reprodución e aplicar accións ás pistas, navegar polos ficheiros e aplicar accións ao distintos ficheiros.
Para cada reprodutor, as características dispoñíbeis son distintas, así que resulta recomendábel botar un ollo na páxina de características, para ver ata que punto resulta Remuco compatíbel co noso reprodutor favorito.
Nesta outra páxina atoparemos instrucións sinxelas para instalar Remuco en Ubuntu Karmic, Jaunty ou Intrepid.
