Linux, OpenOffice.org, Firefox… falar de Software Libre e en galego xa non está só vedado aos “xenios” da informática. O fenómeno da programación libre irrompe cada vez con máis forza en todos os ámbitos e cada vez son máis as empresas e colectivos que vislumbran nesta filosofía unha nova fronte para a defensa das culturas minorizadas. Nesta ampla reportaxe analizamos qué é eso da localización de software, cal é o estado da comunidade que traduce o software que empregamos e contámolo todo sobre a recente polémica suscitada nos medios de comunicación acerca da tradución ao galego dun dos programas máis populares: o Firefox.-
O software libre representa unha oportunidade para a supervivencia das linguas minorizadas na Sociedade da Información e do Coñecemento.
-
Éxito sen precedentes no encontro organizado por Mancomún para consensuar estratexias conxuntas coa comunidade de tradución de software libre ao galego.
-
O Presidente da Fundación Mozilla-Europa recoñece publicamente o seu erro: Firefox poderá descargarse oficialmente en galego.

A tradución do software ao galego
En Galiza, a comunidade tradutora ao galego de Software Libre traballa acotío de xeito voluntario e anónimo para a difusión da nosa cultura dende hai máis de dez anos.
A comunidade de persoas que traducen os nosos programas ao galego crece cada ano. Son persoas adicadas a campos tan diversos como a informática, o ensino ou a lingüística e sobre todo persoas que non teñen medo de acercarse ao mundo da informática para axudar a que o noso idioma estea vivo tamén neste ámbito. Proveñen de lugares dispersos e ás veces non se coñecen entre si, mais comparten a filosofía de que o software libre é o xeito apropiado para promover o uso da propia lingua na Sociedade da Información e do Coñecemento. Traballan no que se denomina a localización de software, ou o que vén sendo o mesmo: a adaptación de programas informáticos á lingua e ás necesidades específicas do noso pais.
“Non existe unha soa motivación para localizar software, trátase de ter amor ao galego, de poder traballar na lingua propia do lugar onde vivo e de recuperar o léxico esquecido”, asegura Damufo, un dos membros da comunidade tradutora de Galicia e coordinador da tradución do CMS Joomla. “Existe un forte abandono da xente moza cara á lingua dos pais, avós… e é moi triste”, aseguran. Por iso animan a que a xente se implique máis na tradución de software en Galicia.
Pola contra, no mundo do Software Libre estas linguas desenvólvense con grande éxito. Proxectos de código aberto, empregados en todo o mundo, dispoñen de traducións completas ou parciais. A filosofía das tecnoloxías abertas non precisa de xustificacións de viabilidade económica. Só hai que traducir ou mellorar as traducións existentes e aí radica o traballo colaborativo de tradución.
Traducir aplicacións informáticas pode parecer complexo, pero é algo ao alcance de practicamente todo o mundo. Hoxe en día existen diferentes ferramentas de tradución en liña como pode ser o Entrans de Mancomún, o Pootle, o GTranslator ou o sistema de traducións de Ubuntu: Rosetta. Estes sistemas desenvolvéronse recentemente cunha orientación moi clara: facilitar a participación de novas persoas no proceso de tradución.
Un bo exemplo da simplificación destes programas foi a tradución do programa OpenOffice.org ao galego, o principal paquete ofimático de código aberto. Na última edición do Xuventude Galiza NET, Mancomún participou dinamizando as actividades de software libre no evento en colaboración cos Grupos de Utentes de Linux de Galiza. Unha destas actividades consistiu nun reto: o de traducir, de forma colaborativa e voluntaria e sen coñecementos técnicos profundos, a interface gráfica completa do OpenOffice.org, a principal aplicación libre para a informática de oficina. A resposta do público foi sorprendente, e en menos de 24 horas concluíuse a tradución íntegra da nova versión 3. Grazas a este traballo voluntario o galego será un dos idiomas oficiais presentes no lanzamento definitivo desta nova versión.

Unha comunidade activa e consolidada
Actualmente os esforzos da comunidade están dirixidos ao estabelecemento de estratexias e metodoloxías conxuntas, despois das achegas realizadas no encontro “G11n: eu traduzo o teu software”, a comezos deste mes.
En Galicia existen distintas iniciativas e grupos de tradución ao noso idioma dos principais escritorios (GNOME, KDE, XFCE), das principais distribucións (Debian, Ubuntu, Mandriva, Fedora…), así como dos programas máis populares en código aberto (OpenOffice.org, Firefox ou Pidgin…). Se ben as ferramentas foron mellorándose co paso dos anos, a metodoloxía distribuída e descentralizada presenta algúns condicionantes como poden ser a lentitude na transmisión de datos ou a falta de recursos e ferramentas lingüísticas básicas. Por esa razón, as persoas máis experimentadas neste ámbito traballan con programas de asistencia á tradución (CAT) instalados na propia computadora, tal como poden ser o Kbabel, o Poedit.
Dado este proceso colaborativo e a gran diversidade de ferramentas, a existencia dunha metodoloxía conxunta e consensuada configúrase como un elemento fundamental para a non duplicación de esforzos e a conclusión dun resultado final óptimo e coherente. A coordinación de todos os axentes tradutores de Galicia para a unificación de criterios foi un dos aspectos que se sinalaron como fundamentais no transcurso duns obradoiros sobre a tradución de software, tamén promovidos por Mancomún xunto con Trasno e o GLUG no contexto das actividades da última edición do Xuventude Galiza Net.
As persoas que participaron nestes obradoiros coincidiron na necesidade de aunar esforzos para lograr un resultado máis efectivo de cara á sociedade galega. Segundo isto acordouse celebrar un encontro no que se debatese sobre as distintas ferramentas, estratexias e metodoloxías de tradución empregadas pola comunidade de tradución de software en Galicia. Deste chamamento, formalizado por Leandro Regueiro a través das distintas roldas de correo electrónico dispersas pola rede, xurdiu a idea de materializar este desexo conxunto que se faría realidade con ocasión do segundo aniversario de Mancomún. Así tomou forma o evento “G11n: eu traduzo o teu software”, promovido polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia conxu
ntamente co resto da comunidade de localización de software ao galego durante os días 10 e 11 de maio en Santiago de Compostela.
O encontro, ademais de fortalecer á propia comunidade tendendo pontes entre o voluntariado, as empresas e a administración pública, serviu para consensuar unha metodoloxía de localización conxunta baseada no uso dos estándares LISA e no traballo coordinado dos distintos axentes involucrados. En termos lingüísticos acordouse traballar por unha guía de estilo consensuada e na apertura dos diversos recursos (dicionarios, memorias de tradución…). Ademais, decidiuse tentar unha maior difusión e promoción das labores de tradución para conseguir incrementar a comunidade tradutora.

A polémica do Firefox: a Fundación Mozilla recoñece o seu erro
Grazas á rápida resposta da comunidade galega de tradución de software, Tristan Nitot, Presidente da Fundación Mozilla-Europa recoñeceu publicamente o seu erro e o firefox en galego poderá ser unha realidade.
En definitiva, e tal como asegurou durante o evento o coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Xesús M. Benítez Baleato, “temos unha comunidade asentada, con experiencia e con motivación: iso é un feito obxectivo, contrastábel e incontestábel”. E poder contar cunha comunidade ben coordinada resulta fundamental para poder superar os obstáculos que van xurdindo polo camiño. Boa proba disto foi o movemento xerado entorno ás recentes declaracións do Presidente e co- fundador da Fundación Mozilla Europa, Tristan Nitot, na inauguración do Bdigital Global Congress en Barcelona o pasado día 20 de maio.

As palabras de Nitot dando a entender que non habería unha versión oficial de Firefox en galego porque en Galiza non había “voluntarios aos que lle importe o seu idioma” causaron a inmediata reacción da comunidade galega de localización, que se mobilizou facendo un chamamento para xerar unha resposta conxunta ante unhas declaracións que foron percibidas como “inxustas” e “ofensivas”. O resultado está á vista: en menos de 48 horas, obtiveron o respaldo do propio Goberno Galego conseguindo que a Fundación Mozilla-Europa emitira un comunicado público no que o mesmo Presidente admitía o seu erro. A eficacia da comunidade galega de localización de software quedou sobradamente probada; mais tal como se verá non foi froito da casualidade senón dunha vontade conxunta pola normalización do noso idioma.
En tanto a prensa dixital replicaba as acusacións do Presidente da Fundación Mozilla- Europa contra a comunidade galega, aumentaba unha indignación social que se reflectía no conxunto das redes sociais galegas; tanto nos sitios dos grupos de utentes de linux como AGNIX, en blogues como o de Calidonia ou nas webs sociais como Chuza.org.
A este respecto, Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación Puntogal e representante oficial para a tradución de Netscape (agora reconvertido en Mozilla) ao galego no ano 1998, referiuse a este feito aludindo aos problemas que dende a propia Fundación Mozilla se puxeran xa dende un principio para acadar a tradución do navegador ao galego. “Eu mesmo lles escribín coa esperanza de que me contestaran, dado que fora o primeiro tradutor oficial dos seus produtos, pero non obtiven ningunha contestación ao correo, nin ás mensaxes que depositei nos foros correspondentes. Paréceme moi inxusto por parte de Nitot realizar declaracións deste tipo”.
Pola súa parte Mariano Grueiro, unha das persoas que tamén intentaron superar os obstáculos que a Fundación Mozilla interpoñía para a tradución do Firefox ao galego no seu momento, argumentaba no momento de abandonar tal empresa que “o único que podiamos facer era publicar unha versión que non fose oficial e para a que non precisaríamos autorización de ninguén, pero coa que seguiriamos sen ter unha tradución ao galego desta aplicación”. Non obstante, tivo que ser nesta liña na que foi preciso traballar para crear un paquete de idioma ao galego. A diferencia entre un paquete de idioma e unha versión oficial radica en que coa primeira opción é precisa a instalación do navegador Firefox en calquera outro idioma e a posterior instalación do paquete, mentres que coa versión oficial descargaríase directamente o navegador Firefox en galego.
Mentres isto sucedía a comunidade galega de localización de software traballaba contra reloxo tratando de contactar coa Fundación Mozilla-Europa, recompilando probas que desmentían as falsas informacións que ían aparecendo e obtendo apoios como os do Director do Centro de Supercomputación de Galiza, Javier García Tobío.
A implicación das persoas que traducen o noso software pode chegar a provocar unha frustración real cando se lles impide facer o seu traballo. Iso foi o que lle tocou vivir a Miguel Branco, outra das persoas que trataron de xestionar o proxecto tras a marcha de Jacobo Tarrío: “Mozilla dicía que había dous grupos de tradución e que nos puxermos de acordo. Mentira, porque os tramites oficiais só os intentabamos cubrir un só, e tampouco había dous grupos. (…) Nin a Grueiro nin a min (e algún máis que o intentou daquela, creo) se nos recoñeceu oficialmente coma coordinador (eu ata cubrín o papeliño firmado que había que facer e envieino por fax ós USA e toda a leria; enchín os formularios web e cubrín os bugs correspondentes…).”
Tras 48 horas de traballo intensivo a acción coordinada a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) a comunidade galega de tradución comeza a obter
os seus froitos. Resulta decisiva a intervención da propia Consellaría de Innovación e Industria quen intervén nos medios de comunicación para respaldar a tradución do Firefox feita pola comunidade galega, deixando claro que o problema estaba en que a Fundación Mozilla non respondera “nos últimos anos” ás peticións de integrar esta tradución no “repositorio canónico” e asegurando que seguirían tentando que a Fundación Mozilla respostara ás súas propostas. Como resultado a Fundación Barcelona Digital -organizadora do evento no que se produciron as declaracións- fai publica a súa desvinculación das polémicas declaracións.
Finalmente é o propio Tristan Nitot, Presidente da Fundación Mozilla-Europa quen acaba respondendo mediante un comunicado no que recoñece publicamente o seu erro. A través do seu blogue aclara o sentido das súas palabras, e finalmente accede a responder ás demandas feitas pola comunidade enviando unha mensaxe á rolda galega de coordinación para abrir o camiño que permitirá dispoñer de versións oficiais en galego de todo o software promovido por Mozilla: incluíndo, como é lóxico, o propio Firefox.
Quizais os esforzos requiridos poidan parecer, en certa medida, descompensados pero afondando na cuestión percíbese o protagonismo que este fenómeno está a adquirir como produto de difusión cultural. O software na propia lingua constitúe unha peza clave para facilitar o acceso á Sociedade da Información en condicións de igualdade, romper a fenda dixital coas persoas de menor formación educativa, e evitar o desarraigo cultural da mocidade coa propia lingua en sectores castelanizados. En definitiva, constitúe un paso máis cara a normalización da nosa cultura.
Descarga da reportaxe en pdf
