Mancomún

Resolto o primeiro Concurso de fotografía mariñeira con licenza libre

Venres, 20 Outubro 2017

Resolta a primeira edición do Concurso de fotografía mariñeira con licenza libre

A asociación XeoPesca ven de publicar a boa nova da resolución do primeiro Concurso de fotografía mariñeira con licenza libre. O xurado, composto por Lorena Couto Rey, Rocío Brage e o Presidente e Secretario da propia asociación, reuniuse o pasado 8 de outubro para analizar e valorar un total de 62 instantáneas realizadas por 43 autores diferentes.

En palabras do xurado:

As obras presentadas reflicten unha diversidade de intres únicos das nosas paisaxes, costumes, gastronomía… que conforman a cultura mariñeira galega. Dende o xurado queremos agradecer a todos os participantes por compartir estes recordos cunha licenza libre a toda a comunidade da internet.

Mariscadora
Fotografía gañadora do primeiro premio

Tralas deliberacións, o xurado acordou outorgar o primeiro premio a Roberto Millán, de Alacante. Coa súa fotografía, Mariscadora, pretende amosar o traballo da muller galega na actualidade. A fotografía foi tomada ao amencer cando as mulleres comezan a mariscar na costa do Grove. A obra foi liberada coa licencia GFDL.

O accésit foi outorgado a Laura Domínguez Couselo, de Poio, pola súa composición en branco e negro na que se amosa a dúas mulleres cargando unha esporta chea de ameixas mailo material de traballo. Ao fondo, o resto de traballadoras esforzanse na praia de Lourizán (Pontevedra). A obra foi liberada coa licencia Creative Commons Recoñecemento – Compartir Igual.

Accésit
Fotografía merecedora do accésit

As restantes fotografías participantes poden ser admiradas no repositorio da asociación en GitHub.

O xurado

Lorena Couto Rey realizou os seus estudos de fotografía na Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago de Compostela e acadou o segundo premio de fotografía no Xuventude Crea 2014.

Rocío Brage é técnica superior en fotografía e posúe un  Máster de fotografía na escola EFTI de Madrid, ademais é docente de numerosos cursos de fotografía na Universidade da Coruña.

Fonte da nova.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal