Mancomún

Richard Stallman completa a súa xeira por Galicia con dúas novas charlas en Coruña e Ourense

Martes, 26 Novembro 2013

Cartel da conferencia de Richard Stallman na FICHai un mes informabamos da presencia de Richard Stallman en Galicia impartindo unha ponencia sobre “Software Libre e o e-goberno” en Vigo o 9 de decembro, hoxe informamos de dous novos relatorios, un na Facultade de Informática da Universidade da Coruña e outro na Escola Superior de Enxeñería Informática da Uvigo

Así, segundo nos contan dende GPUL e podemos ver na súa axenda, o doutor Richard Stallman impartirá a conferencia titulada O software libre na ética e na práctica” o vindeiro 11 de decembro ás 16:00 horas na FIC da UDC, e o 10 de decembro ás 16:00 horas na ESEI de Ourense.

Nestas ponencias, Richard Stallman, pre sidente da Free Software Foundation, falará sobre as metas e a filosofía do movemento do Software Libre, así como do estado e historia do sistema operativo GNU, que xunto co núcleo Linux, é actualmente empregado por decenas de millóns de persoas en todo o mundo.
O Doutor Richard Stallman lanzou o movemento do software libre en 1983 e o desenvolvemento do sistema operativo GNU (ver www.gnu.org) en 1984. GNU é software libre: todo o mundo é libre de copialo e distribuílo, así como tamén de realizar cambios de maior ou menor magnitude.

Stallman ten recibido o premio "Grace Hopper" da ACM (ACM Grace Hopper Award), unha bolsa da Fundación MacArthur, o premio "Pioneiro" da Fundación Fronteira Electrónica, e o Premio Takeda pola Mellora Social/Económica, así como tamén varios doutorados honoris causa, e ten ingresado no Salón da Fama de Internet.

Ambas charlas son abertas, divulgativas e adecuadas para público non técnico. A asistencia está pois aberta ao público en xeral e é de carácter totalmente gratuíto.

Para asistir ao relatorio na FIC agradécese cubrir o formulario de rexistro , que aínda que non é obrigatorio facilita a organización do evento. O rexistro pódese facer de forma ética e anónima: é opcional e non é preciso indicar o nome real, e non fai uso de código JavasScript privativo.

Se desexa que a Free Software Foundation lle envíe información sobre futuros eventos en Galicia pode cubrir o seguinte formulario.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal